Skip to main content
A | B | C | D | E | F | G | I | L | M | N | O | P | Q | R | S | T | V | X | Z

Agadic suspende catro concertos en sinal de luto polo accidente de tren

A Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria expresa o seu pesar a todas as persoas que están a sufrir pola traxedia acontecida en Santiago de Compostela o 24 de xullo, ao tempo que manifesta o seu agradecemento a todos os que están a traballar na xestión deste accidente ferroviario e a súa admiración pola resposta da sociedade.

En solidariedade e respecto coa dor das vítimas, dos feridos e dos seus familiares, e tras a declaración de sete días de loito oficial en Galicia (en virtude do decreto da Vicepresidencia e Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza 112/2013 do 25 de xullo), a Agadic acordou a suspensión de toda a súa programación cultural ata o vindeiro mércores día 31 de xullo, o que atinxe a un concerto na Rede Galega de Teatros e Auditorios e a outros tres da Rede Galega de Música ao Vivo.

Non se celebran, por tanto, os seguintes recitais:

- The Cornelius na sala Ensanche de Vigo (26 de xullo).
- Tonhito de Poi no Auditorio Municipal Lois Tobío de Gondomar (27 de xullo).
- Aló Django na Zona Zero de Caldas de Reis (27 de xullo).
- Roi Casal no Auditorio Municipal de Xuventude de Cambados (31 de xullo).
As devanditas catro actividades serán aprazadas a novas datas, das que se informará oportunamente.
Gabinete de Comunicación da Xunta de Galicia