Skip to main content
A | B | C | D | E | F | G | I | L | M | N | O | P | Q | R | S | T | V | X | Z

A Federación Ecoloxista salienta tres ameazas e tres demandas: Perspectivas ambientais para o 2005

Ameazas
Novos encoros
A construción de máis encoros en tramos fluviais ben conservados segue a ser unha das maiores ameazas para a nosa natureza. O Ulla, o Deza, o Lérez, o Miño no tramo galego-portugués, o Sil, o Verdugo, a fervenza do Outón (Carballo), o Ferreira… están na lista dos ríos en perigo.
A degradación das serras
O patrimonio ambiental das montañas galegas está ameazado por múltiples proxectos de diferente carácter. E algúns exemplos: canteiras na serra do Courel e na parte berciana da serra da Lastra; estación de esquí en Pena Trevinca; canteiras e parques eólicos na serra do Suído; posíbel trazado da autovía Santiago-Lugo pola serra de Careón; posíbel liña ferroviaria Vigo-Ourense pola serra do Cando, etc.
Construción de piscifactorías en zonas de alto valor ecolóxico
A instalación de piscifactorías na Costa da Morte (en cabo Touriñán, ampliación da xa existente no cabo Vilán, en Moreira (Muxía)) e en Rinlo (na zona da Rede Natura 2000 das Catedrais, na Mariña luguesa) constituirían graves agresións á nosa costa. Cómpre un ordenamento adecuado que evite a instalación de plantas de acuicultura nos mellores espazos naturais do litoral.
Demandas
Nova política de residuos urbanos
A revisión do Plan de Residuos Urbanos de Galicia debería levar a un profundo cambio na política autonómica de xestión do lixo. A FEG demanda que a redución da xeración do lixo sexa a principal prioridade, que se promova intensamente a reciclaxe e a compostaxe e que se vaia abandonando a incineración na planta de SOGAMA.
Aplicación da Estratexia Galega de Conservación da Biodiversidade
Esta Estratexia da Consellería de Medio Ambiente segue a ser papel mollado. Entre as tarefas pendentes, salienta a elaboración de Planos de Ordenamento dos Recursos Naturais para todos os espazos naturais protexidos, a aprobación dos Planos de Uso e Xestión de 5 dos 6 parques naturais galegos que aínda carecen deles e a adopción do Catálogo de Especies Ameazadas de Fauna e Flora.
Desenvolvemento das Axendas 21 locais
As Axendas 21 locais non se poden converter nunha fin en si mesma e obedeceren só ao desexo de ofrecer unha imaxe verde, senón nun medio eficaz para promover a sustentabilidade a nivel local, aberto á participación social e dotado dos recursos necesarios para a súa aplicación.
Federación Ecoloxista Galega (FEG)