Ferrolterra acollerá a finais de agosto a XXVI edición do Campionato de Surf Pantín Classic Galicia Pro

A este respecto, a directora de Turismo de Galicia, Nava Castro, resaltou o feito de que Galicia acolla un ano máis un dos campionatos de surf de máis renome internacional. Ademais, segundo dixo, nesta nova edición, como leva acontecendo xa un cuarto de século, o Pantín Classic implementa melloras, novidades e cambios que redundan na súa consolidación como unha das probas deportivas á vangarda da competición mundial.
Nava Castro incidiu en que “o Pantín Classic Galicia Pro ten o mellor dos escenarios posibles porque a costa galega e en concreto a de Ferrolterra ofrece excepcionais condicións para a práctica deste deporte”. A relación íntima coa natureza de Galicia é un dos atractivos fundamentais desta cita á que cada ano acoden os mellores deportistas do mundo nesta disciplina e que acada grandes éxitos de crítica e público polo seu nivel e excelente organización.
Surfistas e afeccionados de todo o mundo teñen reservada unha cita no calendario estival para visitar Ferrolterra e practicar este deporte náutico. A directora de Turismo destacou tamén que Galicia traballa na preservación do seu medio natural “porque o feito de preservar a natureza contribúe a dotar de calidade ao destino e así se recoñece a través dos distintivos internacionais, como as Bandeiras Azuis”. “Temos 128 Bandeiras Azuis na nosa comunidade, liderando o ránking estatal”, recalcou. Só en Ferrol dous distintivos ambientais ondean nas praias de Doniños e San Xurxo. En Valdoviño, as praias de Meirás, A Frouxeira, Vilarrube, Baleo e Pantín, contan con este distintivo de calidade medioambiental. Tamén o club náutico Ría de Ares dispón de Bandeira Azul, xunto con outras 16 mariñas galegas. En total, once dos 37 sendeiros azuis que hai en España están en Galicia.
Nava Castro comentou tamén que como aconteceu nos últimos anos, o Pantín Classic 2013 vai ser de novo “un potente dinamizador turístico para esta zona e un exemplo en vivo do desenvolvemento turístico sostible e respectuoso coa preservación ambiental”.
Gabinete de Comunicación da Xunta de Galicia