Skip to main content
A | B | C | D | E | F | G | I | L | M | N | O | P | Q | R | S | T | V | X | Z

Lucía de Lamermoor, de Donizetti, abre o 61º Festival de Ópera de Galicia

A Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, participa a través da Agadic no 61º Festival de Ópera que comeza no Palacio da Ópera da Coruña e que remata o día 28 de setembro. A presente edición comeza coa primeira das dúas representacións de Lucia de Lamermoor, de Gaetano Donizetti, para a que xa están esgotadas as entradas. O evento rematará o vindeiro día 28 coa estrea da versión en concerto de Tristán e Isolda, de Richard Wagner, nun ano marcado pola conmemoración do bicentenario do nacemento do compositor alemán.

Esta nova edición do Festival de Ópera, cita que se ten convertido nun referente no fomento do xénero lírico en Galicia, aproveita a celebración dos douscentos anos do nacemento do compositor para contar con algunhas das máis destacadas voces wagnerianas do momento, voces que, xunto co barítono ortegano Borja Quiza, a Orquesta sinfónica de Galicia (OSG) e o seu coro, serán os encargados de interpretar Tristán e Isolda.

Así mesmo, esta sesaxésimo primeira edición prestará atención ao legado lírico de Giuseppe Verdi, do que tamén se celebra o bicentenario en 2013. O día 21 o Pazo da Ópera acollerá unha gala homenaxe na que o tenor norteamericano Gregory Kunde, un dos máis cualificados intérpretes do repertorio verdiano, e o barítono Juan Jesús Rodríguez, unha das voces en alza do panorama español, interpretarán arias e dúos do compositor italiano acompañados pola Orquestra Gaos e con Ramón Tébar á batuta.

Diversa oferta lírica no Festival

A segunda cita musical na Coruña será o próximo venres 13 ás 20 horas, cunha nova representación de Lucia de Lamermoor, de Donizetti, protagonizado polo tenor Celso Albelo, a soprano María José Moreno, o barítono coruñés Javier Franco e a OSG e o Coro Gaos, dirixidos por Daniel Oren. O sábado 14 ás 19.30 horas o Centro ägora albergará a función “Ópera en Familia”, pensada para os máis mozos, e na que Zoar Ensemble representará unha versión para instrumentos de vento da ópera Cosí fan tutte, de Mozart.

Ademais, o Festival de Ópera acollerá o venres 20 ás 20.30 horas unha nova edición do ciclo “As novas voces galegas”, un proxecto dedicado a promover novas voces do panorama musical galego. O barítono coruñés Pedro Martínez Tapia, acompañado polo pianista Gabriel López, será o encargado de interpretar un programa no que haberá cancións, arias de ópera e zarzuela, no Conservatorio Profesional de A Coruña.

Gabinete de Comunicación da Xunta de Galicia