Skip to main content
A | B | C | D | E | F | G | I | L | M | N | O | P | Q | R | S | T | V | X | Z

Feijóo aínda aposta por manter unha entidade financeira vencellada a Galicia

O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, afirmou, durante a súa comparecencia no Parlamento, que o Goberno galego seguirá a traballar por manter unha entidade financeira vinculada a Galicia, para que o crédito as familias e ás empresas galegas sexa preferente. E avanzou, tamén, a solicitude formal ao FROB e a Novagalicia Banco da reapertura da arbitraxe administrativa ou da arbitraxe xudicial mediante o allanamento das demandas para que entre o 75% e o 80% dos galegos que teñen atrapado o seu diñeiro o recuperen.

“Neste momento, o 66% dos aforradores cobraron o diñeiro que tiñan en preferentes e somos a comunidade de España onde máis se devolveu as preferentes aos seus titulares”, sentenciou, ao que engadiu que a Xunta seguirá a traballar, preocupándose por aqueles galegos que foron enganados; “e por iso –lembrou- puxemos dous xulgados a disposición daqueles que aínda non poden recuperar o diñeiro pola vía do allanamento da demanda”.

Así mesmo, Feijóo destacou que o Goberno galego acaba de iniciar os trámites para a declaración de Ben de Interese Cultural das coleccións de bens artísticos de Novagalicia Banco e da Fundación Caixagalicia banco.

“Imos seguir traballando, cumprindo co noso deber e cumprindo estritamente coas nosas competencias; preocupándonos por aqueles galegos que foron enganados nas preferentes e, tamén, por toda a obra social das caixas, por todo o patrimonio cultural das caixas”, insistiu. E, nesta mesma liña, aseverou que, cando se coñezan as ofertas, a Xunta seguirá preocupándose por que sexa unha entidade vinculada con Galicia e que teña como obxectivo o aforro das familias e das empresas, e se comprometa coa obra social, a que teña o control de Novagalicia Banco.
Gabinete de Comunicación da Xunta de Galicia