Skip to main content
A | B | C | D | E | F | G | I | L | M | N | O | P | Q | R | S | T | V | X | Z

O ciclo Espazos Sonoros presenta o recital músico-teatral de Dandylady

O ciclo Espazos Sonoros da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria chega a Lugo, nas vésperas do San Froilán, da man da formación DandyLady, que presentará o seu espectáculo ‘Desassossego’ no IES Lucus Augusti da cidade da muralla. O dúo integrado pola actriz Iria Pinheiro e polo músico Jesús Andrés porán en escena un recital músico-teatral que terá lugar o mércores 2 de outubro ás 20:00 horas.

Previamente, ás 19:00 horas, o festival de música e patrimonio promovido pola Secretaría Xeral de Cultura propón unha visita guiada pola exposición permanente do fondo histórico-educativo do Lucus Augusti, da man de expertos que afondarán nos obxectos que formaban parte dos gabinetes científicos do centro. Trátase dunha oportunidade única para achegarse a unha das pequenas e descoñecidas xoias do noso patrimonio histórico, os gabinetes científicos que aínda se conservan nalgúns centros de ensino, e que foron creados a mediados do século XIX coa intención de introducir o ensino experimental das ciencias.

Un banco de óptica que ten como fonte de luz un arco eléctrico, unha máquina pneumática de Bianchi, mapas, libros dos séculos XVI e XVII, figuras clásticas, incluída a dunha ra diseccionada, alambiques, un fol acústico ou un fonógrafo son algúns dos obxectos que formaban parte dos gabinetes científicos do IES Lucus Augusti, conservados en moi bo estado, grazas ao coidado que o persoal dos centros puxo con este legado.

Poesía escénica arredor do desasosego

Logo da visita, os terá lugar o espectáculo ‘Desassossego’, unha proposta que se podería definir como poesía escénica que xira arredor do desacougo, un recital teatral-musical ao que lle poñen letra seis poetas galegas, xunto con outras tres do resto da Península: Branca Novoneyra, Olalla Cociña, Lupe Gómez, Lucía Aldao, Esther F. Carrodeguas, Xiana Arias, Luci Romero, María Salgado, Adília Lopes; ademais de Fernando Pessoa e de Lois Pereiro. O título inspírase no ‘Livro do desassossego’, de Fernando Pessoa, e o primeiro texto desa obra, "A morte do príncipe", abre o recital. Tamén se inclúe na escolma o poema de Lois Pereiro “Dandy”, que inspirou o propio nome do grupo.

O ciclo Espazos Sonoros tamén fará unha parada no concello pontevedrés de Meis, onde a igrexa de Santa María de Armenteira acollerá, ás 19:00 horas, unha viaxe pola música medieval europea da man do grupo Gothic Voices.

Gabinete de Comunicación da Xunta de Galicia