O Festival de Cine de Ourense recibe 215 películas de 44 países diferentes

No referente aos números da recepción, recibíronse un total de 136 longametraxes (8 máis que en 2012). Por países destacan España (48), Alemaña (14) e Estados Unidos (8). Tamén se recibiu un número considerable de curtametraxes (47) e documentais (36 en total, 17 españois).
No tocante á temática, hai que destacar os conflictos de todos os tipos de parellas (heterosexual, gai, lésbica...), os problemas de xuventude e o drama da descomposición familiar.
Deste total extraeranse os 10 filmes que participarán na selección oficial competitiva, así como os filmes que integrarán os diferentes ciclos fóra de competición. E é que o 18OUFF aínda está en fase de selección, pero hoxe sóubose xa un dos primeiros títulos que se poderán ver durante o festival.
Pedro Olea, premio Cidade de Ourense 2013, estrea 'La Conspiración'
O director vasco (Bilbao, 1938) é un dos directores españois máis importantes e respectados da historia do cine español, premiado en festivais coma o de San Sebastián, a Seminci de Valladolid ou Málaga, entre outros.
A súa relación con Galicia vén de lonxe, coa rodaxe do documental sobre a gastronomía galega Xantares, basado nun texto de Alvaro Cunqueiro. Pero non é até 1971 cando se achega a Ourense para gravar El bosque del lobo, Premio Especial do Xurado na Seminci de Valladolid.
Inspirado na vida de Manuel Blanco Romasanta, o filme rodouse en varias vilas da provincia, de forma especial no concello de A Bola.
O 18OUFF acollerá o que polo de agora é o seu último traballo: La conspiración (España, 2012). Con guión de Elías Querejeta e reparto encabezado por Manuel Morón, Silvia Marsó, Jorge Sanz, Álex Angulo ou Alicia Borrachero, trátase dun filme sobre a Guerra Civil e o general Mola.
Un cartel inspirado en El Verdugo
Un dos puntos fortes da presentación desta mañá era a presentación do cartel. “Para referirnos a el debemos botar a vista atrás”, dixo a concelleira Ana Garrido. “Primeiro, para lembrar a figura de Luis García Berlanga, que na décima edición do Festival pasaba pola cidade para recoller este mesmo galardón. E é que en 2013 cúmprense 50 anos da estrea de El Verdugo (España-Italia, 2013), premio Fipresci da crítica no Festival de Venecia e unha obra mestra do humor negro en España”.
Nesta película e no cartel da mesma está inspirado o cartel deste 18OUFF. Remontámonos ao 1963, cunha España en crise, gobernada baixo unha férrea ditadura militar, e onde os recortes en aspectos tan básicos como a dignidade personal e no traballo facían que a xente sentise a necesidade de emigrar (a Alemaña, no caso do protagonista de El Verdugo) para sobrevivir.
O cartel, que por terceiro ano consecutivo ve a luz na propia oficina do Festival de Cine, está formado por tres elementos básicos: un fondo de papel de estraza, “que nos recorda moito aos paquetes cos que os nosos emigrantes envolvían as súas pertenzas ao deixar o fogar”, segundo apuntaba César Silva; o número 18, que fai referencia á actual edición do Festival; e a alongada sombra da Calpurnia, que malia ser o trofeo representativo do Festival dende a primeira edición, aínda non aparecera reflectida en ningún dos carteis até o de agora.
Se nos tempos de Berlanga era a alongada sombra do verdugo a que sobrevoaba sobre o cartel, neste 2013 é a Calpurnia a que planea sobre o evento cinematográfico máis importante de Ourense e de Galicia.
Todas as novidades sobre o 18 Festival iranse anunciando a través da súa páxina web e a través das canles habituais de Facebook e Twitter.
Gabinete de Comunicación do Concello de Ourense