Feijóo di que Galicia marca o paso en Europa coa súa experiencia na xestión dos fondos comunitarios

O titular da Xunta dixo estar “plenamente satisfeito” por poder participar no Comité das Rexións en representación “de todos os territorios que conforman este foro” e como presidente dunha comunidade, Galicia, que coñece o importante papel que xoga a política de cohesión no desenvolvemento das rexións, unha comunidade, incidiu, “que soubo xestionar con acerto e éxito” os fondos comunitarios ao longo de máis de 25 anos.
Feijóo lembrou que o ditame presentado e aprobado hoxe foi encargado ao Comité das Rexións pola Presidencia da UE, exercida este semestre por Lituania, ante a nova etapa que se abre en xaneiro do ano próximo e ante a necesidade de lograr unha mellor utilización dos recursos comunitarios que permitan un maior aproveitamento e unha optimización dos investimentos. Un ditame de “especial relevancia” no que Galicia ostentou o liderado, ao ser escollida como a comunidade para defendelo ante o Comité das Rexións, elección que supón, en palabras de Feijóo, “un recoñecemento por parte da Unión Europea á xestión que desde a nosa comunidade temos realizado dos fondos estruturais e de cohesión”.
Principios básicos do ditame
O presidente galego explicou que o texto aprobado esta tarde ten como obxectivo fundamental lograr unha maior eficiencia e unha maior eficacia na xestión dos fondos comunitarios que permita avanzar cara a un crecemento intelixente, sustentable e integrador, eixos centrais da estratexia Europa 2020. Algo para que pasa, en primeiro lugar, relatou, por unha planificación axeitada e unha concentración temática que permita definir as áreas e os sectores estratéxicos nos que centrar os esforzos de cara a xerar un maior valor engadido e camiñar na senda da consecución dunha “cohesión social e territorial real”.
O ditame tamén aposta por unha aplicación efectiva da gobernanza multinivel entre as diferentes administracións para garantir unha coordinación axeitada e eficaz entre todos os estatus administrativos, evitar duplicidades innecesarias e maximizar o impacto de todas as accións que se financien con fondos europeos e se desenvolven en beneficio da cidadanía.
Nesa coordinación, o texto aprobado incide nunha maior descentralización rexional e local, xa que, abondou Feijóo, “a proximidade á cidadanía permite identificar de forma máis precisa cales son os ámbitos estratéxicos nos que se deben realizar os investimentos”.
Ademais, avánzase na necesidade de simplificar os trámites en todos os niveis e administracións para concentrar os esforzos na xestión dos programas comunitarios, destinando o máximo de recursos ás iniciativas en favor da cohesión e dedicando o mínimo imprescindible aos custos burocráticos ou de execución, sen menoscabar o rigor e o control, seguindo o principio de menos burocracia e máis transparencia.
De igual xeito, o ditame recolle a importancia de establecer uns mecanismos de seguimento relevantes que permitan coñecer o grado de avance e os resultados que se van obtendo, ao tempo que posibiliten a toma de decisións en función do resultado e dos recursos empregados; e sinala a conveniencia de afondar na aplicación de instrumentos financeiros, obter a colaboración da iniciativa privada e impulsar un uso innovador dos medios financeiros, dándolle máis relevancia ao Banco Europeo de Investimentos (BEI) ou a outros bancos de desenvolvemento.
Ditame proveitoso e útil para todos
O presidente galego resaltou que o texto aprobado hoxe é o resultado dun frutífero e enriquecedor diálogo entre as rexións e amosouse confiado en que resulte “proveitoso” -de cara a unha mellor execución das axudas e a unha optimización dos investimentos- e “útil para todos” –para a Presidencia da UE, que solicitou a opinión do Comité das Rexións; para a Comisión Europea e os ministros encargados de Política Rexional, que analizarán no mes de novembro en Vilna as achegas do ditame; e para as rexións, últimas destinatarias e beneficiarias dos fondos comunitarios.- “Espero que este ditame se erixa nesa guía valiosa e beneficiosa para lograr unha maior rendibilidade dos recursos comunitarios, para que a política de cohesión siga sendo un instrumento primordial e útil para a UE e esa pedra angular sobre a que sustentar a mellora da calidade de vida dos cidadáns europeos”, sinalou .
Angrois no recordo
O Comité das Rexións tamén tivo hoxe un xesto de afecto cara aos afectados polo accidente ferroviario acontecido o 24 de xullo no barrio compostelán de Angrois. O presidente agradeceu en numerosas ocasións esta lembranza e asegurou que “Galicia se sentiu arroupada pola proximidade, o cariño e a solidariedade que xurdiu desde os máis diversos países do mundo”. Moitos destes apoios, dixo Feijóo, “partiron desde aquí, desde Bruxelas, e desde todos os países que unen ao vello continente nesta Unión Europea”.
Segundo o responsable da Xunta, “polo mesmo Camiño polo que os peregrinos chegan a Santiago viaxou a gratitude das xentes que poboan unha Europa unida na diversidade e unida ante a adversidade”.
O presidente de Galicia quixo tamén recoñecer o traballo e o “enorme exemplo” que deu a cidadanía galega “solidaria na dor, pero solidaria tamén na acción”. Así, pois, felicitou aos veciños de Angrois; aos profesionais sanitarios, de emerxencias e ás forzas de seguridade; aos hostaleiros, taxistas e empresarios; e, como non, a todos os galegos por facer posible unha “xesta colectiva que xa está inscrita na historia de Galicia”.
Núñez Feijóo rematou enviando unha mensaxe de alento para aqueles que aínda continúan loitando contra a traxedia de Angrois: “Galicia, España e Europa seguen convosco”.
Gabinete de Comunicación da Xunta de Galicia