Dous paradores galegos, premiados nos III Traveller's Choice de Tripadvisor

No acto estiveron presentes tamén a presidenta de Paradores de Turismo, Ángeles Alarcó; a Media Relations Manager de Tripadvisor, Blanca Zayas; o alcalde de Santiago de Compostela, Ángel Currás así como a delegada territorial da Xunta de Galicia na Coruña, Belén do Campo.
Os galardóns, concedidos a dez Paradores, sitúan no primeiro e segundo posto, respectivamente, ao Hostal dos Reis Católicos de Santiago e máis ao Parador de Santo Estevo de Ribas de Sil, na Ribeira Sacra. Os Paradores de Alcalá de Henares, Oropesa, Aiguablava, Cangas de Onís, Cardona, Plasencia, Cáceres e Nerja completan o ranking.
A directora de Turismo de Galicia resaltou que é “unha honra para Galicia, nomeadamente para a Administración Turística galega, contar cos dous primeiros postos nesta clasificación que premia o bo servizo e a calidade”. Este premio, segundo dixo, recoñece o traballo de todo o persoal implicado no establecemento e debe considerarse un “punto de partida que dea continuidade ao traballo realizado ata o momento e funcione como aliciente para seguir traballando na boa dirección”.
Nava Castro explicou tamén que hoxe o turista require un trato máis individualizado, un maior coñecemento, unha gran demanda de información específica e unha gran capacidade de interactuación a través das redes sociais que, segundo resaltou, “xa están presentes en todo o ciclo da viaxe, dende a organización e planificación, ata o propio destino e á hora de compartir a experiencia”.
“Para Turismo de Galicia é un orgullo contar entre a nosa oferta turística de aloxamento e restauración con estes dous establecementos porque outorgan prestixio e diferenciación ao destino, porque inciden na nos imaxe de destino de calidade e porque conforman unha parte viva do noso patrimonio máis prezado”, comentou a directora de Turismo de Galicia.
Gabinete de Comunicación da Xunta de Galicia