A Cicatriz Branca, de Margarita Ledo, estréase en Santiago de Compostela

Nesta ocasión faino a través das vivencias de Merce, interpretada pola poeta Eva Veiga. Destinada a servir nunha casa acomodada en Bos Aires, e tras perder ós poucos días o seu traballo, a protagonista pasa tres días na Estación Constitución onde a súa vida se entrelaza coa de outras emigrantes. A película ven a culminar un traballo de investigación iniciado co documental “Apuntamentos para un filme” onde se recollen diversas testemuñas de mulleres emigrantes que serviron de inspiración para as personaxes da película.
Presentación en Bos Aires
Tralo seu paso por Santiago, A Cicatriz Branca continuará o seu percorrido en Bos Aires, onde Margarita Ledo presentará o seu filme no Centro Cultural Virrey Liniers o próximo 30 de outubro co apoio da Dirección de la Mujer. Non será a única proxección na capital bonaerense xa que tamén se poderá ver no Centro Cultural da Cooperación o 4 de novembro.
O filme foi rodado en Galicia e Arxentina e conta entre as súas localizacións lugares como o Psiquiátrico de Castro, na Terrachá, o Hospital do Centro Gallego de Buenos Aires ou a propia Estación Constitución onde aconteceron moitas escenas semellantes ás que conta o filme. Declarada de interese cultural polo Ministerio de Cultura, A Cicatriz Branca contou co apoio de diferentes institucións como a AGADIC e de servizos de Igualdade tal os do Concello de Vigo, Deputación de Lugo, Concello de A Coruña ou o Instituto de la Mujer.
Margarita Ledo, unha cineasta comprometida
Poeta e escritora, da súa novela “Porta Blindada”a sae a personaxe masculina central do filme ‘A cicatriz branca’; investigadora e autora de obras sobre cinema autoral como “Cine de fotógrafos”, Premio Espais d’Art Comtemporani; cineasta experimental en ‘Illa’ ou en ‘Cienfuegos, 1913’; dirixe os documentais ‘Santa Liberdade’ e ‘Liste, pronunciado Líster’. É catedrática de Comunicación Audiovisual da USC, numeraria da Real Academia Galega, e preside e co-preside diferentes asociacións científicas locais e internacionais no eido das ciencias da comunicación.
Fotografía: http://acicatrizbranca.com/es/index.html
www.acicatrizbranca.com