Skip to main content
A | B | C | D | E | F | G | I | L | M | N | O | P | Q | R | S | T | V | X | Z

O Igape presenta as liñas de aopoio ao emprendemento na feira Ponteemprego

Responsables do Igape participarn o xoves 24 de outubro, en Ponteemprego, cun relatorio sobre as liñas de apoio e os servizos da Xunta de Galicia aos proxectos emprendedores, entre os que cómpre salientar os programas de Microcréditos e o Reemprende. A intervención, no Pazo da Cultura.

Para facilitar o financiamento dos pequenos investimentos impulsados por emprendedores, autónomos e microempresas, o Igape mantén operativo, ata o próximo 31 de decembro, o programa de microcréditos, con capacidade para mobilizar ata 10 millóns de euros.

O importe máximo dos microcréditos concedidos ao abeiro deste programa é de 25.000 euros, e o prazo de amortización está fixado nun máximo de 5 anos. Os microcréditos concedidos polas entidades financeiras estarán avalados nun 100% polas sociedades de garantía recíproca (SGR), ao abeiro do convenio asinado co Igape.

Facilitar a creación de novas empresas ou o desenvolvemento temperán de empresas que leven en funcionamento un máximo dun ano é o obxectivo do programa ReEmprende impulsado tamén polo Igape, que concederá subvencións a fondo perdido por importe de 1,4 millóns de euros para mobilizar investimentos estimados en 5 millóns.

Neste caso, o prazo de presentación de solicitudes ao abeiro do programa ReEmprende está aberto ata o próximo 30 de outubro. O obxectivo deste programa e o de apoiar os novos investimentos de emprendedores, autónomos ou pemes de creación recente.

As subvencións concedidas ao amparo deste programa de apoio ao emprendemento partirán dun mínimo do 15% e poden chegar a cubrir o 50% dos investimentos subvencionables, no caso das pequenas empresas, con menos de 50 empregados.

A través do Igape, a Consellería de Economía e Industria achega un apoio integral aos impulsores de iniciativas emprendedoras, comezando pola formación e asesoramento para elaborar plans de empresa, e seguindo polas liñas de financiamento e polos servizos de apoio á consolidación, como é o caso da Rede de Mentores.

Gabinete de Comunicación da Xunta de Galicia