Skip to main content
A | B | C | D | E | F | G | I | L | M | N | O | P | Q | R | S | T | V | X | Z

Preséntase o libro Algo más de color. 1. Terapia habitación de hospital

O delegado de Cultura e Turismo da Deputación de Lugo, o nacionalista Mario Outeiro participou na presentación do libro “Algo más de color. 1. Terapia Habitación de Hospital”, que tivo lugar no Museo de Lugo. Na presentación do libro, que se edita en galego e castelán, tamén estiveron presentes Mónica Alonso, artista responsable do deseño da terapia, e Clara Rodríguez Cordeiro, presidenta da Asociación Cultural [sen marco] e responsable da dirección do proxecto.

A publicación recolle o proceso e resultados do proxecto de investigación da Asociación Cultural [sen marco] e Mónica Alonso. Esta investigación centrouse na transformación artística da habitación dun hospital, e levouse a cabo na área de pediatría do Hospital Clínico Universitario de Santiago de Compostela. O proxecto contou coa colaboración do Centro Galego de Arte Contemporánea e a Fundación Andrea, e a publicación foi posible grazas ao altruísta deseño de El Patito Editorial. O 70% da súa venta está destinado á transformación real das habitacións do Hospital Clínico Universitario de Santiago de Compostela (actualmente de cor gris).

Segundo explicou Mario Outeiro “este libro recolle un proxecto que busca facer menos difícil o ingreso hospitalario dos menores, transformando o aséptico espazo do hospital nun mundo cromático máis adecuado e menos agresivo para eles, a través dunhas pautas terapéuticas estudadas e eficaces contra o síndrome do hospitalismo; un proxecto pioneiro na aplicación de teorías de base artística no ámbito clínico traballando directamente cos pacientes hospitalizados”.

“Que este libro se presente no marco deste Museo e non en outro lugar ten un significado especial. Ao longo da presentación comprobarase o nivel técnico acadado polo proxecto que quizás fará que nos preguntemos como encaixa esto nunha manifestación de arte contemporánea”, concluíu o delegado.
Gabinete de Comunicación da Vicepresidencia da Deputación Provincial de Lugo