Skip to main content
A | B | C | D | E | F | G | I | L | M | N | O | P | Q | R | S | T | V | X | Z

A Xunta pide ao Senado que sexa embaixador da Cidade da Cultura de Galicia

A Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria suxeriu a conveniencia de que o Senado se converta nunha institución que faga de embaxaidora da Cidade da Cultura e que difunda en todo o Estado a contribución cultural que o Gaiás vén desenvolvendo nos últimos anos. No decurso dunha xuntanza de traballo entre a comisión de Cultura da Cámara Alta e un equipo da consellería encabezado polo seu secretario xeral técnico, Jesús Oitavén, quen os recibiu en nome do conselleiro, o representante da Xunta, explicou os eixos de actuación do plan estratéxico da Cidade da Cultura.

A delegación mixta de ambas as institucións, que ao longo da mañá percorreron as instalacións do Monte Gaiás, estivo composta pola presidenta da Comisión, María Gádor Ongil; a directora xeral de Patrimonio, María del Carmen Insúa; e a directora xerente da Cidade da Cultura, Beatriz Loroño, ademais de outros representantes do Senado e da Consellería. A visita incluiu as torres Hejduk, que ata este domingo acolle a intervención “Mar de Crebas”, e os espazos ocupados polo centro de emprendemento creativo, o centro de innovación cultural, a Biblioteca e o Arquivo de Galicia. Posteriormente toda a comitiva visitou a mostra “Orinoco” que pode ser visitada ata mediados do vindeiro mes de xaneiro de 2014.

Accións culturais

Durante o percorrido o secretario xeral técnico da Consellería destacou que a Cidade da Cultura “é un espazo cun gran equipamento cultural. Nesta infraestrutura –dixo- se celebran grandes actos todos os anos, e desenvolven unha actividade cultural vinculada a un sector produtivo que xera 21.000 empregos en Galicia e neste momento é unha oportunidade para crecer en tempos de crise”.

Gabinete de Comunicación da Xunta de Galicia