Skip to main content
A | B | C | D | E | F | G | I | L | M | N | O | P | Q | R | S | T | V | X | Z

Rematan os Magostos no Gaiás cunha retrospectiva dos humoristas Mofa e Befa

O dúo cómico Mofa e Befa, que integran os actores Evaristo Calvo e Víctor Mosqueira, actúa o xoves 31 de outubro como peche do programa Magostos nos Gaiás, que a Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria leva a cabo durante este mes de outubro na Cidade da Cultura de Galicia unindo a oferta de espectáculos coa degustación de castañas.

Baixo o título O pior de Mofa e Befa, o Museo Centro Gaiás acollerá a representación dunha serie de parodias e fragmentos cheos do humor sarcástico que Calvo e Mosqueira levan poñendo sobre o escenario durante os seus 20 anos de traxectoria. No espectáculo, para o que contan coa participación de colaboradores habituais como Quico Cadaval, Piti Sanz ou Fran Pérez, recuperan algunhas das pezas e personaxes máis queridos polo seu público xunto con outros sketches que só fixeron en contadas ocasións: os pallasos financeiros de ‘Finis Mundi Circus’, os flamencos abertzales de ‘Sempre ao lonxe’ ou Frank Braña, entre outros.

A función será precedida por unha degustación gratuíta de castañas en distintas preparacións, elaboradas pola Cantina da Cidade da Cultura en colaboración coa Indicación Xeográfica Protexida Castañas de Galicia.

As entradas poden adquirirse de xeito anticipado a través da web taquilla.servinova.com [nova venta] a un prezo de 9 euros para a zona A e de 6 para a zona B (máis gastos de xestión); ou o mesmo día no despacho de billetes a 11 e 8 euros.

‘Magostos no Gaiás’ comezou con gran éxito o pasado día 18 co concerto de celebración do 35 aniversario de Milladoiro; ao que seguiu o venres 25 o recital de Marful ‘Un concerto fóra do común’. A Fundación Cidade da Cultura e a Axencia Galega das Industrias Culturais (Agadic) colaboran na posta en marcha desta programación, coa que se diversifica a oferta cultural no Gaiás ao tempo que se promoven os espectáculos producidos en Galicia.
Gabinete de Comunicación da Xunta de Galicia