Skip to main content
A | B | C | D | E | F | G | I | L | M | N | O | P | Q | R | S | T | V | X | Z

Avó... cóntame un conto pretende impulsar a lectura entre os máis cativos

O conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, Xesús Vázquez Abad, participou na presentación do programa “Avó... cóntame un conto”, que ten como obxectivo achegar a lectura aos máis cativos.

Durante o acto Vázquez Abad destacou que “a Asociación de Libreiros de Ourense quere retomar unha tradición que non debemos deixar que se vaia. É unha oportunidade para escoitar dos beizos dos avós os contos, pero non en calquera sitio, senón nalgún dos lugares máis fermosos do mundo: as librarías”, ao que engadiu “as avoas e avós recollen unha tradición oral moi velliña, antiga como o propio mundo, que contistas famosos como os irmáns Grimm, Andersen ou Perrault iniciaron, permitindo que o Gato con Botas, a Cinzenta Brancaneves, o Patiño Feo ou Xoán Sen Medo formen parte das nosas vidas”.

Apoio da Consellería

Esta iniciativa da Agrupación Provincial de Libreiros de Ourense, apoiada pola Consellería de Cultura e Educación, desenvolverase ao longo do mes de novembro en diversas librarías da cidade das Burgas. Nestes espazos levárase a cabo o “itinerario literario”, na que serán avós e avoas os responsables de ler e contar contos aos máis pequenos. Para asistir a estes contacontos é preciso recoller, con antelación, os convites que se repartiran nas distintas librarías, entre as que se atopan: Internacional, Kathedra, Padre Feijóo, A Nova e Malleira.

Esta iniciativa ten como obxectivos que os receptores aprendan novos valores, ao tempo que reciben coñecemento a través dos contos, impulsando o hábito da lectura, poñendo en valor o concepto e a importancia da familia. Ao mesmo tempo este “Avó... cóntame un conto” fomenta a lectura en voz alta acompañada por representacións teatrais de títulos como “A Velliña Vella”, de Vicente Risco; “Os tesouros da Illa de Granellandia”, de Paco López Barxas e Eugenio Granell.

“Avó... cóntame un conto” tamén potencia as actividades en diferentes barrios da cidade de Ourense e ademais unha actividade que potencia o envellecemento activo de feito que engloba numerosos beneficios para amplo abano de idades.

Gabinete de Comunicación da Xunta de Galicia