Skip to main content
A | B | C | D | E | F | G | I | L | M | N | O | P | Q | R | S | T | V | X | Z

O ciclo cultural Do audible presenta unha proposta musical arredor da natureza

O ciclo Do Audible da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria chega a Pontevedra cunha nova sesión, ‘O son natural’, para ofrecer unha proposta musical arredor da natureza. A Facultade de Belas Artes acollerá mañá, ás 20:00 horas e con entrada libre, o concerto de Vertixe Sonora Ensemble, unha formación na que conflúen artistas sonoros e plásticos, músicos de jazz, intérpretes clásicos e profesionais das artes escénicas.

O concerto contará coas explicacións divulgativas do musicólogo Emilio Lede e coa participación do escultor Fernando Casás, cuxa obra afonda nos vínculos artísticos coa contorna natural. O artista, representante dun diálogo permanente coa natureza, será o encargado de describir as interrelacións entre a práctica artística e a contorna natural. Os vestixios do paso do tempo, as mutacións na selva tropical ou na súa paisaxe natal galega determinan a súa traxectoria creativa de máis de corenta anos.

Vertixe Sonora, con Pablo Coello (saxofón), Thomas Piel (violonchelo), Carlos Méndez (contrabaixo), Rubén Barros (guitarra eléctrica), Diego Ventoso (percusión) e David Durán (piano), interpretará pezas de Esaias Järnegard, Alexander Khubeev, Jose María Sánchez Verdú e Jacobo Gaspar, compositores tan novos como recoñecidos. Na actuación soarán obras moi relacionadas co ‘land art’, como “Earth”, do ruso Alexander Khubeev, ou as estacións entendidas como ciclos temporais, de Jacobo Gaspar.

Última sesión en Lugo

Do Audible ofrece propostas musicais de vangarda que interaccionan con diferentes campos da expresión e do pensamento, como a palabra, o visual, a natureza e a arquitectura. A experimentación e a busca de novas formas son a base deste novo ciclo de Vertixe Sonora Ensemble e a Secretaría Xeral de Cultura, que iniciou o seu percorrido o pasado mes de xuño na Coruña e en Ourense. A sesión de peche do ciclo será o martes 26 de novembro na Casa do Saber de Lugo, cun programa titulado ‘Ouvir o espazo’, no que o arquitecto Alfredo Sirvent abordará a configuración arquitectónica dos espazos de recepción da música.

Con esta programación, a Secretaría Xeral de Cultura ofrece un novo espazo de achegamento á música e ás expresións contemporáneas cunha programación desenvolvida en distintas cidades de Galicia que permite construír novas experiencias destinadas ao público xeral. Do Audible responde, así, á necesidade de divulgar e achegarlle as propostas sonoras dos creadores máis novos á cidadanía galega.
Gabinete de Comunicación da Xunta de Galicia