Un concerto de Rosa Cedrón abre o programa Monumenta

No caso da Catedral de Tui a cita é o sábado, 9 de novembro, ás 17h cun obradoiro para familias titulado “Conservamos e restauramos: pintura, retablos e cubertas”. Unha hora despois ofrecerá un concerto acústico Rosa Cedrón.
Este ciclo Monumenta foi presentado esta mañá no Concello de Tui polo secretario xeral de Cultura, Anxo Lorenzo, o director da Agadic, Jacobo Sutil, o codirector do SINSAL Audio, Manuel Estévez, e polo alcalde de Tui, Moisés Rodríguez.
O alcalde de Tui, Moisés Rodríguz, expuxo nesta presentación o obxectivo deste ciclo que é a difusión do patrimonio restaurado ou en proceso de restauración, que no caso de Tui é a Catedral. Sinalou o mandatario tudense que a de Tui é a única catedral da provincia, feito polo que na súa condición de deputado provincial, indicaba que se vai encargar de póla en valor.
O representante de Sinsal Audio, Manuel Estévez, expuxo que con “Monumenta” se quere pór en valor elementos patrimoniais de primeira orde, vinculando as actuación coa poboación que vive nos distintos lugares, xa que eles forman parte do patrimonio inmaterial. Incidía precisamente nese feito que o ciclo quere valorizar o patrimonio tendo en conta á xente.
Jacobo Sutil, director da Agadic, salientou que esta é unha proposta artística de calidade que busca amosar a riqueza do noso produto cultural. Apuntaba que ao unir lugares singulares coa excelencia das propostas musicais obtense un resultado artístico excepcional do que se poderá disfrutar neste ciclo. Nese senso convidaba tanto aos tudenses como á poboación en xeral a achegarse este sábado ata a Catedral de Tui para disfrutar dun evento que cualificaba de “inesquecible”.
Por último o secretario xeral de Cultura, Anxo Lorenzo, incidía en que o obxectivo deste ciclo é “darlle máis vida ao patrimonio cultural” no que se ven de realizar unha intervención de restauración. Engadía que “coa difusión social destas actividades” garántese a protección do patrimonio e a súa valorización. Sinalaba así que “o deseño do programa parte tendo como elemento fundamental a participación dos colectivos locais”. Por iso, segundo Anxo Lorenzo, búscase a complicidade da cidadanía na protección do noso patrimonio.
Lembramos que en Tui a cita será este sábado, 9 de novembro, ás 17h cunha actividade lúdica e de aprendizaxe para coñecer cómo son os procesos de restauración dos bens patrimoniais. Ás 18h comezará no Claustro da Catedral o concerto de Rosa Cedrón, artista que foi a voz Luar na Lubre durante 9 anos e que dende 2005 realiza a carreira en solitario publicando dous anos despois o seu primeiro disco. A gravación do seu segundo álbum en solitario compatibilizouna con numerosas colaboracións, entre outros artistas, con Mike Oldfield e participou en proxectos paralelos como o “Cantando a Galicia” ou o iniciado con Cristina Pato, “Soas”. Colaboradora habitual do programa “Luar” da TVG, desenvolve na súa última etapa un espazo onde repasa os grandes temas da nosa historia musical.
Fotografía: rosacedron.com
Gabinete de Comunicación do Concello de Tui