Skip to main content
A | B | C | D | E | F | G | I | L | M | N | O | P | Q | R | S | T | V | X | Z

Nova Lei galega para estruturar as fincas según a súa natureza agraria

O presidente da Xunta avanzou, tras o Consello, o impulso á futura Lei para estruturar as fincas segundo a súa natureza agraria, que mellore a rendibilidade das explotacións.

Nun primeiro termo, o responsable autonómico subliñou que a nova Lei de mellora da estrutura agraria de Galicia busca seguir apostando polo medio rural como oportunidade de futuro e é necesaria para poder solucionar distintos obstáculos que existen na actualidade: os procesos de concentración parcelaria son excesivamente longos no tempo; a execución destes procesos é demasiado custoso; a orientación principal é a diminución do número de parcelas achegadas por cada un dos propietarios, sen ter en conta criterios de sustentabilidade das explotacións agrarias; e a actual Lei non se axeita conceptualmente ás diversas normas e medidas adoptadas nos últimos anos, como as Directrices de ordenación do territorio ou a Lei de mobilidade de terras.

Para afrontar estas trabas e poñerlles solución, o novo texto contará con tres obxectivos básicos: maior rendibilidade das explotacións, maior simplificación da tramitación dos procesos e maior protección das parcelas e das súas condicións.

No tocante ao primeiro obxectivo, o documento inclúe dúas novidades relevantes: un novo concepto, o de reestruturación parcelaria que supera a dimensión e capacidade de actuación da actual concentración parcelaria, de forma que o fin principal non é tanto a diminución do número de parcelas senón manter os usos das fincas; e inclúe os solos de núcleo rural no perímetro de actuación da reestruturación parcelaria, dando resposta á unha das principais demandas dos propietarios de explotacións.

Así mesmo, esta nova normativa establece unha maior simplificación dos trámites, cun procedemento máis curto no tempo. “Simplificamos o procedemento diminuíndo o número de fases e mellorando o sistema de entrega e tramitación da documentación; e diminuíndo tamén os custos de execución da reestruturación parcelaria”, resaltou o presidente da Xunta.

En terceiro lugar, a nova Lei avoga por unha maior protección das fincas e que estas estean en condicións axeitadas de producir. “O texto permite, polo tanto, a declaración de determinados perímetros de fincas como fincas abandonadas. Nos referimos –explicou Feijóo- a determinadas fincas que estean en grave risco de incendio, que xa fosen obxecto de incendio ou que exista demanda de terra polas explotacións lindantes”. Estes terreos, en consecuencia, poderán ser arrendados a terceiros directamente polo propietario, ser incorporados ao Banco de Terras ou ser postos en produción directamente polo propietario. Así mesmo, permite, tamén, mobilizar as fincas xa concentradas que estean nun claro e continuado estado de abandono.

A modo de resumo, Feijóo subliñou que se trata, en definitiva, dunha norma para tratar de adecuar a estrutura agraria en Galicia ás necesidades das explotacións, e para poder logralo con maior axilidade e incorporando ao mesmo tempo as fincas que están en manifesto estado de abandono.

O titular da Xunta avogou por seguir poñendo en valor o medio rural para que sexa máis accesible para traballar e, por tanto, máis accesible para vivir.

Neste sentido, lembrou tamén as diversas medidas que a Xunta ten adoptado xa desde a pasada lexislatura: medidas para mellorar a estrutura comercial, como o Decreto que promove as organizacións de produtores de leite en Galicia ou a posta en marcha da marca ‘Galega 100%’; medidas para mellorar a capacidade financeira e de liquidez no sector lácteo, priorizando, por exemplo, o pago das axudas da PAC (axilizando o abono das mesmas no ano 2012, chegando a anticipar 136 millóns de euros) ou, no sector vitivinícola, facilitando por primeira vez financiamento ás adegas para que puidesen ter maior liquidez; e medidas para mellorar a competitividade das explotacións, tanto a través da aposta pola eficiencia enerxética mediante a achega de 12 millóns para este fin, como traballando de forma decidida por mellorar a base territorial das explotacións agrarias a través da Lei de mobilidade de terras ou da primeira Lei de montes da Autonomía, publicada e aprobada o pasado 2012.

Pola súa banda, a conselleira de Medio Rural e do Mar, Rosa Quintana, insistiu en que o novo texto legal supón un salto cualitativo en canto á reestruturación do agro galego, poñendo a terra con vocación agraria en valor e fomentando que se xere riqueza a través da optimización do seu uso. Así, destacou que se trata dunha concepción máis moderna da mellora das estruturas, orientada a favorecer o desenvolvemento económico das explotacións e que vai máis aló do que supoñía ata o de agora a simple concentración de parcelas.

Rosa Quintana tamén avanzou que con esta nova Lei vaise crear o Plan de Ordenación de Predios de Especial Vocación agraria que identificará as zonas idóneas para os diferentes aproveitamentos e introduce como novidade a posibilidade de actuar en solos de núcleo rural, dando así resposta a unha das principais demandas dos propietarios de explotacións agrarias que se asentan no medio rural.

Gabinete de Comunicación da Xunta de Galicia