Feijóo salienta un aforro de 20 millóns na próxima emisión de débeda

Feijóo incidiu en que Galicia mantén a capacidade para financiarse sen sobresaltos. E, nesta liña, concretou que a Comunidade vén de autorizar unha emisión de débeda -257 millóns de euros- sen ter que acudir ao Fondo de Liquidez Autonómica que o Goberno central puxo a disposición das comunidades que non poden financiarse. Grazas a iso, Galicia aforrará arredor de 20 millóns na súa próxima emisión de débeda, en comparación ao custo que tería que asumir se acudise ao FLA. E tampouco terá que acometer un plan de axuste adicional como sería obrigado se se valese do mecanismo extraordinario habilitado polo Estado.
O titular da Xunta afirmou que Galicia pode evitar ter que recorrer a ese mecanismo extraordinario pola súa solvencia. E o mesmo ocorre co Fondo para o Pago a Provedores, xa que a solvencia das súas contas públicas lle permite asumir de forma autónoma os seus pagos e, ademais, acurtar cada vez máis o prazo de pagamento aos provedores, que se sitúa nunha media de 30 días, fronte aos 50 de hai un ano.
Por outra banda, o responsable autonómico afirmou que ninguén pode pretender que o bilateralismo ou a política de media luz e reservados substitúa os foros comúns a todas as comunidades como o Consello de Política Fiscal e Financeira ou a Conferencia de Presidentes, e solicitou que así sexa para abordar, entre todos, asuntos como o futuro dos servizos públicos, pero tamén a próxima reapertura da negociación do financiamento autonómico. Feijóo avogou por usar con máis frecuencia a Conferencia de Presidentes “porque, nun momento como este, é o órgano máis áxil para abordar os principais asuntos que, como estes, requiren do consenso entre o Goberno central e as comunidades”.
“Os mecanismos de coordinación da España das autonomías están permanentemente activados. Para os asuntos de interese xeral non existen nin poden existir outros canais de diálogo paralelos”, aseverou.
Feijóo asegurou solicitar esa unidade coa lexitimidade que lle dá, dixo, formar parte dunha Galicia que xoga no mesmo equipo que o Estado. “Facémolo ao xestionar a crise cos pés na terra, conscientes da nosa responsabilidade e decididos a contribuír desde Galicia á recuperación de España. Facémolo ao distanciarnos de todos aqueles que discuten tanto o que son, que perden as enerxías necesarias para afrontar a crise. Facémolo ao ser solidarios, cando necesitamos esa solidariedade, pero tamén cando podemos exercela, como ao aceptar un reparto do déficit asimétrico. E facémolo e o seguimos a facer porque estou convencido de que tampouco será suficiente saír da crise se o resultado é facelo cunha España dividida”.
O presidente da Xunta salientou que a maioría da sociedade non está dividida xa que, se ben hai conflitos e debates, todos eles son síntomas dunha sociedade viva, pero que non busca roturas. “Os españois podemos discrepar no accesorio, pero creo que maioritariamente están unidos nas cousas esenciais e nos momentos esenciais”, asegurou, logo de lembrar como exemplo a traxedia ferroviaria de Angrois, e expresar o desexo de que tamén os políticos estean unidos neste último tramo da crise e no inicio da recuperación.
Un gran acordo para garantir a Educación, a Sanidade e os servizos públicos do mañá
Durante a súa intervención, Feijóo expresou o seu convencemento de que se España merece un gran acordo político nalgún ámbito de forma prioritaria, un deles é o de garantir a Educación pública do mañá, a Sanidade pública do mañá, e os servizos públicos do mañá.
“É necesario que deamos respostas no noso tempo a ese futuro que está por vir e, por iso, a miña opinión é que, entre todos –partidos políticos e todos os gobernos, estatal e autonómico- deberiamos abordar en serio este asunto. Teriámonos equivocado se tivésemos seguido o consello de quen defendeu ao comezo da crise que os servizos públicos se mantivesen como estatuas de sal. Consciente ou inconscientemente, propoñer ese exercicio tería servido xustamente para o contrario do que plantexaban porque tería suposto o principio da destrución do Estado de Benestar ao facelo insustentable. Creo que o mesmo risco corremos agora se nos negamos a debater sobre o modelo de servizos públicos para garantir a súa viabilidade e, por tanto, o seu futuro, non xa para despois da crise, senón para as próximas xeracións”.
Unha nación que actúe no seu conxunto ao unísono
Así mesmo, Feijóo transmitiu a necesidade dunha nación que actúe no seu conxunto ao unísono. “Non buscando a uniformidade, pero si a unidade”, dixo, e insistiu no costume dos nacionalismos de que Estado e autonomías parezan antagonistas. “Non é así –aseverou-. A Xunta de Galicia é compoñente do Estado, e como parte do Estado está lexitimada para participar responsablemente nas súas decisións”.
Nesta liña, resaltou que a Comunidade galega trata de actuar sempre con ese criterio: “Practica o autonomismo que as circunstancias esixen porque non cre que este sexa un ornamento válido para as circunstancias fáciles pero inútil nos momentos difíciles. Lonxe diso, Galicia é o exemplo de que o autogoberno das comunidades permite aproveitar mellor as bonanzas, pero tamén permite capear mellor as turbulencias”.
O titular da Xunta salientou que a autonomía é o instrumento que nos permite autogobernarnos, pero tamén serve para unir. E, lonxe da tentación de aventuras separatistas que non conducen a ningunha parte, referiuse a Galicia como unha comunidade estable que non vai deixar vacante o seu sitio privilexiado en España nin en Europa.
Ao fío disto, expresou a contrariedade que provoca observar esa tendencia de crear problemas artificiais ou alimentar debates que xa foran pechados “e que nos desvían dos obxectivos que teñen a maioría dos cidadáns en España”. “A gran maioría sabe onde está o seu país, con que outros pobos está unido e con quen quere seguir camiñando no futuro. A gran maioría non ten esa enfermiza obsesión pola súa identidade nin unha permanente sensación de acoso baseada nunha artificial nostalxia ideoloxizada”, sentenciou, logo de pedir aos políticos que apliquen o mesmo sentido común que os cidadáns na súa vida cotiá e que, a mesma vontade de cooperación que os españois teñen nos seus traballos e nas súas vidas persoais, teña reflexo nos principais debates do noso país.
Os cidadáns, os grandes protagonistas
Feijóo aseverou que o gran protagonista da nosa evolución nos últimos anos non son os políticos, senón a cidadanía, que de distintas formas –“os últimos procesos electorais son o mellor termómetro”- esixiron abordar as reformas necesarias para saír da situación na que estabamos.
Coa mesma convicción que hai cinco anos de que a verdade é o mellor vínculo que un gobernante pode ter cos seus gobernados, Feijóo quixo sumarse ás voces que sinalan evidencias dunha lenta pero firme recuperación. “Dígoo coa seguridade de que negar a mellora indiscutible é un erro, como o foi negar a crise ao principio, ou como o sería volver caer nun daniño triunfalismo que nos levase a dicir que xa está todo feito”, subliñou.
Nese contexto, expresou o seu orgullo de que Galicia estea ben preparada para aproveitala e incluso para acelerala. E, nesta liña, afirmou que non se trata de ningún exercicio de triunfalismo, “senón de poñer de manifesto que ter asumido a crise con algo máis de antelación que outras administracións públicas nos permite recoller os froitos tamén un pouco antes”.
“Soubemos escoitar o que o pobo pedía en 2009 e traducilo en accións de goberno que xa están consolidadas, como cumprir os criterios de déficit todos os anos da crise, racionalizar o tamaño da Administración, buscar permanentemente novas posibilidades para unha maior eficiencia, e lograr deste modo que os axustes non afectasen aos servizos públicos esenciais”.
Logo dese inxente traballo, “non sempre apoiado lamentablemente polos partidos da oposición”, o presidente do Goberno galego salientou que Galicia e España acumulan cifras que demostran que os esforzos están a ser efectivos, que as medidas comezan a dar resultados.
Feijóo resaltou que a comunidade galega mantén a práctica totalidade dos seus indicadores en mellor situación que o conxunto nacional: pechará o ano coa ratio débeda/PIB case 3 puntos por debaixo da media nacional; manterá o paro case cinco puntos por debaixo do conxunto de España, e 2013 será o primeiro ano desde que comezou a crise que pechará o exercicio con menos parados que cando comezou; ou a evolución do PIB segue a manter tamén o diferencial coa media nacional, e así se prevé que siga sendo no 2014 (primeiro ano no que se prevén cifras de crecemento positivas).
Diante destas cifras, o responsable autonómico afirmou que o conxunto dos galegos permitiu debuxar un escenario máis esperanzador que o que había ao comezo da crise e que demostra as capacidades da comunidade a pesar de todas as dificultades.
“As capacidades para atraer máis turistas, como se puxo de manifesto este verano de 2013; no que o crecemento do número de turistas foi do 12,2% respecto ao ano anterior, o mellor incremento desde 2004, e o mellor incremento turístico de toda España. As capacidades do sector das novas tecnoloxías, un sector que conta hoxe con máis de 2.000 empresas en Galicia, un 30% máis que en 2009 e que subiu no ranking estatal ata ser a quinta comunidade con máis empresas TIC. As capacidades do sector da automoción, que o pasado 2012 fabricaba 297.000 vehículos en Vigo e, para este 2013 espera chegar a superar a barreira dos 400.000. As capacidades do sector lácteo, que estaba marcado pola baixada constante do prezo do leite e que hoxe ten o nivel máis alto de 2009, con 12 meses de subas consecutivas. E as capacidades do sector agrícola e forestal, como acredita o aumento sustentable das facturacións ou das exportacións en produtos como a madeira, o viño, a carne ou a produción ecolóxica”.
Asentar as condicións para poder seguir avanzando
Feijóo adiantou que a pretensión de Galicia é sentar as condicións para poder seguir avanzando, a través de medidas que faciliten o labor a todos os que queiran xerar riqueza e emprego. Neste sentido, e como exemplo desa aposta, referiuse á Lei do emprendemento e da economía competitiva de Galicia que elimina as licenzas municipais e permite abrir un negocio en 24 horas. “Unha Lei –dixo- que ademais, establece catro rebaixas fiscais para aqueles que decidan facer realidade un proxecto empresarial ou ampliar o que xa teñen. Medidas que dan continuidade á aposta por unha política fiscal de rebaixas selectivas, que recentemente ampliamos tamén coa bonificación do 99% do ITP para todas as enerxías renovables ou coa rebaixa do IRPF autonómico para 7 de cada 10 contribuíntes”.
De xeito paralelo, Galicia confía o seu futuro empresarial á internacionalización, con programas de apoio que abarcan desde o primeiro diagnóstico, pasando polos avais ata o asesoramento sobre o terreo. Deste xeito, o volume das exportacións creceu máis dun 10% no que vai de ano e supuxeron o 37% do PIB de Galicia, “o que nos sitúa a só 4 puntos de Alemaña”.
Así mesmo, lembrou tamén a Estratexia de Especialización Intelixente RIS 3, un documento que responde, en parte, ás esixencias impostas pola UE para que Galicia obteña 2.500 millóns de fondos estruturais. E que contén as claves que marcarán o futuro innovador da Comunidade.
Feijóo concluíu referíndose aos servizos públicos e ao desexo maioritario dos cidadáns de que os axustes da crise non afectasen ese piar fundamental. E, sobre ese aspecto subliñou que con moito esforzo, Galicia estáo a conseguir, incluso por riba desas expectativas: mellorando a Educación pública, “conxelando taxas universitarias, incrementando bolsas complementarias á matrícula ou ás bolsas Erasmus, ou apostando por máis ordenadores e máis inglés nas escolas”; mellorando a Sanidade pública, con sete grandes infraestruturas hospitalarias en construción, ou con listas de espera de menos de 20 días para os pacientes máis graves; ou ampliando os servizos sociais públicos creando por exemplo máis de 6.000 prazas novas de residencias, centros de día e escolas infantís.
Gabinete de Comunicación da Xunta de Galicia