Skip to main content
A | B | C | D | E | F | G | I | L | M | N | O | P | Q | R | S | T | V | X | Z

Adega demanda un novo plan de residuos baseado na prevención e na reciclaxe e a compostaxe

A proposta de Plano de Residuos Urbanos (2004-2010) presentada pola Consellaría de Medio Ambiente a penas considera a prevención, consagra como liña prioritaria a incineración do lixo e non respecta os obxectivos actuais e futuros de reciclaxe e de compostaxe fixados a nivel estatal e europeo. O aumento do 23% da xeración do lixo entre 1988 e 2003 e os baixos niveis de reciclaxe en Galiza son os principais fracasos dunha política que a Consellería de Xosé Manuel Barreiro semella querer perpetuar no esencial. ADEGA demanda cambios na proposta que sitúen a prevención do lixo e a reciclaxe e a compostaxe como as prioridades.

Segundo as estimacións da propia Consellaría de Medio Ambiente, a xeración de residuos domésticos no noso país en 2003 foi de 1.004.220 toneladas. Isto supón un incremento do 23% en relación con 1998, o que constitúe un relevante indicador de insostibilidade ecolóxica. Este dato tan negativo é o resultado da práctica ausencia de medidas dirixidas á prevención. O novo plano destina tan só un 0,5% do orzamento á prevención, o que fai moi pouco críbel o ambicioso obxectivo de redución do 1% das cantidades xeradas en 2010 a respecto do 2003. ADEGA propuxo á Consellaría que asuma o ditame proposto no seu día por unha comisión de traballo do Consello Galego de Medio Ambiente sobre redución de residuos.

Para o conxunto de Galiza estimouse unha reciclaxe en 2003 de aproximadamente o 12% da fracción de residuos de envases e outros materiais reciclábeis, lonxe do mínimo do 25% esixido por unha directiva europea do ano 1994. O dato referido ao vidro é positivo, pois atinxiuse o 38%. Porén, tan só se recuperaron un 13% dos residuos de papel, un 10% dos residuos de envases metálicos e un 5% dos residuos de plásticos e briks. Estes datos son sobre todo consecuencia de facer da incineración, agochada baixo o termo enganoso de valorización enerxética, o eixo da política autonómica de residuos.

Por primeira vez, a Xunta recoñece a compostaxe, tanto industrial como caseira, mais de forma marxinal, o que se reflite tanto no orzamento como nos obxectivos. Os obxectivos propostos xa se atinxiron grazas aos planos de Coruña e As Mariñas e do Barbanza. A Xunta segue a obstaculizar a compostaxe, por exemplo a través dunhas esixencias de calidade do compost producido alén do legal e do razoábel. Unha das medidas do futuro plano debería ser a creación de plantas comarcais de compostaxe nos concellos do ámbito SOGAMA.

A incineración con produción de electricidade segue a ser a principal prioridade do plano e, ademais do mantemento da actual incineradora, está aberta a posibilidade de construción dalgunha nova instalación de incineración, de coincineración ou de elaboración de combustíbel a partir de residuos urbanos, o que ADEGA rexeita frontalmente.

Canto á pretensión do vertido cero, ADEGA entende que se trata dun eslogan e non dun obxectivo real e factíbel. A Xunta oculta que os vertedoiros anexos á incineradora de SOGAMA reciben entre o 25 e o 30 por cento do lixo tratado (voluminosos e outros residuos e mais escoiras e cinzas da incineradora).
Adega