Skip to main content
A | B | C | D | E | F | G | I | L | M | N | O | P | Q | R | S | T | V | X | Z

As Torres Hejduk tínguense de lila no día contra a violencia de xénero

A Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria súmase á celebración do Día Internacional contra a Violencia de Xénero tinguindo de lila as Torres Hejduk da Cidade da Cultura. Con este xesto simbólico, o departamento que dirixe Xesús Vázquez quere amosar o seu rexeitamento a unha lacra social que este ano xa se cobrou a vida de máis de 60 mulleres en España e contribuír a sensibilizar a sociedade sobre este problema.

A Fundación Cidade da Cultura de Galicia a través do acordo de patrocinio alcanzado coa empresa eléctrica Iberdrola para a iluminación das Hejduk, tinguirá de lila a torre de cristal. Dotada dunha iluminación LED cunha ampla combinación de cores, a intervención acumula unha potencia de sete quilowatts repartida en varias liñas de alta capacidade.

O deseño da iluminación permite realizar unha gran gama de combinacións cromáticas, que poden verse desde distintos puntos de Santiago de Compostela, e que xa lle permitiu á Cidade da Cultura sumarse a outras convocatorias como a do Día Internacional contra o cancro de mama, cando as Hejduk se tornaron rosas.

As Torres Hejduk da Cidade da Cultura volverán lilas –cor que identifica a loita contra a violencia de xénero- a noite do domingo ao luns, 25 de novembro, xornada na que se conmemora o Día Internacional contra a Violencia de Xénero.

Baixo o lema "Se a maltratas a ela, maltrátasme a min", a Xunta de Galicia pon en marcha unha campaña institucional contra a violencia de xénero que ten por obxectivo sensibilizar á poboación da necesidade de erradicar esta lacra que constitúe un problema social de primeira magnitude.

A campaña foi presentada en rolda de prensa pola secretaria xeral da Igualdade, Susana López Abella, e a subdirectora xeral para o Tratamento da Violencia de Xénero, Belén Liste; que explicaron que quixeron achegar esta mensaxe a sociedade galega cunha iniciativa protagonizada por dous homes coñecidos e recoñecidos no ámbito público da nosa comunidade. Deste xeito, o actor Federico Pérez e o campión mundial de triatlón Javier Gómez Noya puxeron cara, “de xeito totalmente desinteresado”, aos 40.000 carteis que se repartirán por todas as vilas e cidades de Galicia.

Así mesmo, López Abella explicou que a Xunta adheriuse a campaña institucional ‘Hai saída’, desenvolvida polo Ministerio de Sanidade, Servizos Sociais e Igualdade, “por criterios de hamornización de mensaxe ante a lacra social da violencia de xénero e de racionalización dos recursos públicos”, na liña habitual do Goberno galego.

A iniciativa desenvolverase nos medios de comunicación -prensa, radio e televisión- e nas redes sociais -Tuenti, Facebook e Twitter-, e está composta por vídeos e carteis protagonizados polos actores Imanol Arias, Mario Casas e Juanjo Artero. Segundo dixo López Abella, pretende dar unha mensaxe de esperanza ás mulleres vítimas de violencia de xénero e “romper o silencio cómplice que as rodea porque hai saída”.

Andaina contra a violencia de xénero

Doutra banda, no marco do Día Internacional para a Eliminación da Violencia de Xénero, que se celebra o vindeiro luns, a Secretaria Xeral da Igualdade anunciou que este domingo terá lugar o “Camiño ao respecto”, unha andaina contra a violencia de xénero organizada pola Xunta de Galicia.

Susana López Abella animou a todos e todas a que se sumen ao percorrido que partirá as 11,00 da mañá do Monte do Gozo e rematará sobre as 12,30 horas na Praza do Obradoiro coa lectura dun manifesto contra a violencia de xénero.

Trátase, segundo dixo, de promover a participación cidadá a prol do rexeitamento público e formal contra a violencia de xénero e de sensibilizar sobre a importancia de valores como o respecto e a igualdade entre homes e mulleres, “valores que -engadiu- encarna o Camiño de Santiago”.

Cifras en Galicia

Segundo os últimos datos oficiais, no primeiro semestre de 2013 en Galicia presentáronse 2.552 denuncias por malos tratos e no que vai de ano os xulgados galegos comunicaron un total de 884 medidas de protección; entre medidas cautelares, ordes de protección e ordes de afastamento.

Así mesmo Susana López Abella informou de que a día de hoxe un total de 226 mulleres vítimas de violencia de xénero en Galicia están a percibir algún tipo de axuda económica -periódica, pago único ou indemnización- habilitado pola Xunta de Galicia.
Gabinete de Comunicación da Xunta de Galicia