Skip to main content
A | B | C | D | E | F | G | I | L | M | N | O | P | Q | R | S | T | V | X | Z

Máis da metade dos concellos galegos cumpren a normativa de infraestructuras comúns de telecomunicacións

A Asociación de Enxeñeiros de Telecomunicación de Galicia presentou hoxe o Estudio Sobre o Estado de de Implantación das Infraestructuras Comúns de Telecomunicación (ICT) en Galicia cofinanciado pola Dirección Xeral de Tecnoloxía e Desenvolvemento Sectorial.
As ICT´s conteñen as normas de obrigado cumprimento nos edificios de nova construcción que estean rexidos pola Lei de División Horizontal e que teñan máis de dúas vivendas e abranguen os tres tipos de instalacións dos que deben estar dotados: instalación de telefonía; instalación de recepción e distribución de radio e televisión (tanto analóxica como dixital), terrestre e vía satélite e instalación de canalizacións e rexistros para acceder aos operadores de telecomunicación por cabo.
Estan consideradas como o primeiro nivel de acceso á Sociedade da Información xa que o seu cumprimento garantiza os cidadáns que as súas vivendas están preparadas para ter acceso pleno a tódolos servizos de telecomunicación, eliminando as trabas e facendo posible o desenvolvemento dos demáis niveis de servizo da Sociedade da Información (xa sexan vía cable, terrestre ou satélite), asegurando a independencia tecnolóxica ó quedar os edificios preparados para conectarse a calquera operador de telecomunicacións.
As Administracións do Estado e Local, os promotores, os constructores, os arquitectos, as empresas instaladoras de telecomunicacións e os enxeñeiros de telecomunicación e enxeñeiros técnicos de telecomunicacións son os axentes implicados na implantación das ICTs.
O Estudio pon de manifesto a necesidade de avanzar no cumprimento da normativa xa que un 52% dos edificios obrigados pola lei dispoñen de proxecto ICT e só un 17% contan con certificación de fin de obra considerando un período de realización da construcción de 2 anos.
Nos últimos cinco anos as cifras dos elementos ICT (proxectos, boletíns e certificacións) continúan medrando, o que reflicte un maior cumprimento das normas legais dende a publicación da primeira lei, en 1999, na que se fan obrigatorios os proxectos de infraestructuras de telecomunicacións. A diversidade de requisitos para a concesión de licencias de obras, segundo o concello de que se trate, e o descoñecemento por parte dos axentes implicados na normativa, utilidade e beneficios derivados do proxecto ICT constitúen a principal barreira para o seu pleno desenvolvemento.
Para impulsar a implantación da lexislación na totalidade de vivendas, a Asociación de Enxeñeiros de Telecomunicación de Galicia e maila Consellería de Innovación, Industria e Comercio desenvolverán, entre outras, as seguintes accións:
- Cursos de formación nas materias de telecomunicación entre os técnicos municipais.
- Realización e divulgación dunha guía de boas prácticas para o desenvolvemento de proxectos ICT.
- Difusión e comunicación a tódolos concellos dos aspectos principais do cumprimento da Lei de ICT.
Campaña informativa aos usuarios finais, é decir, aos compradores de vivendas, sobre os requisitos que éstas deben cumprir dende o punto de vista técnico e onde consultar a información referida a cada proxecto.
Cristina Manteiga + Ana Rodríguez (Relacións con Prensa AETG / COETG)