Skip to main content
A | B | C | D | E | F | G | I | L | M | N | O | P | Q | R | S | T | V | X | Z

Sabela Arias presenta o libro Historias de Icía e Avoa (Condensadas)

Na Galería Sargadelos de Lugo ven de presentarse o libro HISTORIAS DE ICÍA E AVOA (Condensadas), da lucense Sabela Arias Castro.
O libro está editado pola asociación cultural Eira Vella de Betanzos, e recolle unha antoloxía -resumida- dos milleiros de viñetas desta autora publicadas desde o 2003 ata o momento actual. Moitas delas viron a luz en Galicia Digital (www.galiciadigital.com).

Pilar Vázquez Rodríguez, Presidenta da Asociación cultural que edita a publicación, fixo unha reseña da actividade da autora como pintora e debuxante, ilustradora de diversas publicacións, ademais de profesora de plástica no Ies Maruxa Mallo de Ordes, facendo especial fincapé no seu papel de autora de viñetas nas que se recollen os diálogos dunha nena e a súa avoa (en realidade a filla e a avoa da autora), sobre os máis diversos temas da actualidade e da realidade deste país e do mundo.

Charo Fernández Velho, profesora de galego do mesmo Instituto destacou que a Sabela se debe -cunha intensa campaña publicitaria ao respecto- que o nome do seus centro educativo leve o nome da destacada pintora viveirense, musa de toda unha xeneración que desenvolveu o seu labor no periodo máis difícil da nosa historia recente. Sinalou o lucensismo da autora -a pesar de traballar en Ordes e vivir en Betanzos- que se concretaba mesmo na lingua e na arte, e a súa militancia cultural e artística nas máis diversas accións.

E pechou o acto Sabela Arias para facer confesión expresa de lucensismo,
destacar o limiar de Neira Vilas e a introducción da súa filla Icía - unha
das protagonistas das historias- e agradecer a presencia de numerosos
amigos e coñecidos que enchían o local.

Fotografías: Carlos Rodríguez Arias
Xulio Xiz