As Torres Hejduk, da Cidade da Cultura, acollen a mostra En ningún lugar

Os artistas Juan Cañamero, Iago Eireos, Miguel Ángel Moreno Carretero, Ana Esteve Reig, Alejandro Ramírez Ariza e Pablo Martínez Muñiz, baixo o comisariado de Carlos Delgado Mayordomo, son os responsables desta intervención colectiva que busca xerar unha memoria e unha narración alternativas para desvelar a complexidade arquitectónica e conceptual das Torres Hejduk.
“En ningún lugar supón unha posta en valor da arquitectura e das propias Torres Hejduk, todo un símbolo da Cidade da Cultura a pesar de non ser obra de Eisenman”, destacou o conselleiro de Cultura e Educación, quen valorou a aposta de cada un dos artistas por intervir sobre un aspecto do arquitecto ou do propio espazo, ademais de conectar a Cidade da Cultura co centro de Santiago, facendo a viaxe inversa das Torres Hejduk.
Durante a inauguración, que contou coa presenza da directora-xerente da Fundación Cidade da Cultura de Galicia, Beatriz González Loroño, e dos propios creadores; Xesús Vázquez Abad apostou por poñer os espazos culturais a disposición dos artistas emerxentes para ofrecerlle ao espectador novas perspectivas dos mesmos.
Nesta liña, o conselleiro de Cultura e Educación enmarcou esta exposición nunha das liñas estratéxicas que está a seguir tanto o seu departamento como a propia Cidade da Cultura: o apoio aos artistas novos e á difusión da súa obra. Un obxectivo que, tal e como destacou o conselleiro, xa se recolle na celebración do propio Encontro de Artistas Novos e que contou con iniciativas previas como ContainerInside.
Unha nova memoria das Hejduk
Co proxecto En ningún lugar. Unha memoria alternativa das Torres Hejduk, os artistas Juan Cañamero, Iago Eireos, Miguel Ángel Moreno Carretero, Ana Esteve Reig, Alejandro Ramírez Ariz e Pablo Martínez Muñiz comisariados por Carlos Delgado Mayordomo, presentan nas Torres do Gaiás cinco intervencións que buscan sacar á luz dimensións evocadoras que suxiran múltiples sentidos do lugar e que sirvan para iluminar diversos aspectos da complexidade conceptual do edificio.
En ningún lugar organízase desde a dualidade das propias torres. Na transparente, os artistas traballan desde a especificidade da linguaxe arquitectónica para levar a cabo un cuestionamento das relacións entre o público e o privado, o interior e exterior, o visible e o oculto. Na opaca conviven dous proxectos que cuestionan a linealidade histórica das narracións hexemónicas.
Tres proxectos na torre transparente
As tres propostas que interveñen na torre transparente falan da conexión entre tempo, memoria e lugar.
Juan Cañamero (Madrid, 1981) recrea en Ritual un dos múltiples debuxos de John Hejduk: a Capela do Anxo Morto, a medio camiño entre a arquitectura fantástica e funcional. Cañamero formula a súa reconstrución tridimensional nun dos cilindros anexos á torre transparente e reactiva a súa funcionalidade orixinal a través da figura desmembrada dun anxo. O artista recupera así o sentido ritual e místico que para o imaxinario de Hejduk tiña a arquitectura e a súa capacidade para contar historias que nos fagan reflexionar sobre a condición humana.
Con Máscara nómada, Iago Eireos (Lugo, 1980) conecta a Cidade da Cultura co centro de Compostela a través dunha instalación efémera no Parque de Belvís –destino orixinal das Torres Hejduk- e a súa posterior documentación no Gaiás. En Belvís recrearase a planta das torres a escala 1:1 por medio de lonas ancoradas ao chan, nas que se amosará un tramado de liñas, ilustracións e estruturas arquitectónicas que se funden sen amosar un significado concreto. Unha recreación que se trasladará ás Hejduk en forma de estudos e apuntes técnicos.
A última das tres intervencións na torre acristalada será a de Miguel Ángel Moreno Carretero (Córdoba, 1980). O artista introduce nas Hejduk unha terceira torre, a que non se ve, unha torre invertida que podemos percibir na silueta en negativo que xera o perfil das outras dúas: Torre3. Trátase da reformulación tridimensional dun espazo latente, suxerido e intanxible que evoca á arquitectura oculta das torres habitables, recreando escenas curiosas que se agochan no subsolo, escenas ficticias protagonizadas por operarios e persoal de mantemento que transitan espazos ocultos á visión do paseante.
Contextualización na torre opaca
Na torre opaca, a especificidade iconográfica as torres se dilúe a favor da súa contextualización local e global a través de dous proxectos diferenciados.
En Slide, Ana Esteve Roig (Agres, Alicante, 1986) e Alejandro Ramírez Ariza (Zaragoza, 1981) ofrécenlle ao espectador un monocanal que reflexiona sobre o fracaso da utopía como proxección idealizada do devir da historia. Partindo da complexa interacción entre a Cidade da Cultura e un grupo social como o dos skaters, Slide pon o acento na necesidade de crear novas utopías que non procedan de soños privados, senón de desexos colectivos. Institución e periferia unidos nunha ficción rodada no propio Gaiás que reflexiona sobre a incerteza como único modo de xestionar o avance cara ao futuro.
A peza que completa ‘En ningún lugar’ é Arquivo de espazos, volumes e pedras de Pablo Martínez Muñiz (Santander, 1978). A obra componse de catro caixas de luz onde o artista integra constelacións de arquitecturas que fotografou ao longo da súa vida. Un corpus visual propio que divide en catro tipoloxías (xentrificación, ruína, natureza invertida e espazos de poder) e que ofrece, na súa inesgotable capacidade de interacción, a apertura de múltiples camiños de reflexión. A este arquivo aberto e evolutivo, o artista engádelle imaxes das Torres Hejduk e doutros espazos asociados a súa memoria para inscribilos nunha xenealoxía propia.
‘En ningún lugar. Unha memoria alternativa das Torres Hejduk’ pode visitarse de luns a domingo en horario continuado de 10 a 20 horas. A entrada é libre e de balde mais é preciso ter en conta que a capacidade das torres é reducido.
Gabinete de Comunicación da Xunta de Galicia