Skip to main content
A | B | C | D | E | F | G | I | L | M | N | O | P | Q | R | S | T | V | X | Z

Medio Ambiente e Sogama lanzan unha guía de boas prácticas para diminuír desperdicios de alimentos nos fogares

Conscientes do alarmante malgaste de comida nos fogares, especialmente con motivo das tradicionais Festas de Nadal, a Consellería de Medio Ambiente e Sogama decidiron editar unha guía co obxectivo de axudar ás familias a levar un maior control sobre o consumo e, desta forma, reducir as cantidades de desperdicios de alimentos.

E é que, segundo a Organización das Nacións Unidas para a Alimentación e a Agricultura (FAO), desperdíciase un terzo da comida que se produce no mundo, o que se traduce en 1.300 millóns de toneladas ao ano; unha cifra inadmisible, tanto desde o punto de vista ambiental como económico e moral, cando máis de 780 millóns de persoas están a pasar fame, e outras, sen chegar a este extremo, son vítimas dunha dieta restrictiva e pobre en nutrientes.

A voz de alarma xa a dou no seu momento a Comisión Europea ao desvelar que desbotamos en torno a 89 millóns de toneladas de alimentos ao ano (ao redor de 179 quilos per cápita) na Unión dos 28, correspondendo a España preto de 8 millóns, ao tempo que advirte que, de continuar con esta tendencia, no 2020 chegaremos a despilfarrar uns 126 millóns de toneladas, o que suporía un incremento do 40 por cento; unha cifra insostible desde todas as frontes, incluída a económica, pois non debemos esquecer que, nestes momentos, o malgaste de alimentos supón un impacto no peto de cada cidadán español de aproximadamente 250 euros anuais.

É por isto que o Parlamento Europeo non dubidou en instar aos países comunitarios, así como aos axentes da cadea agroalimentaria, a abordar urxentemente o problema e formular vías de mellora; un obxectivo ao que o Ministerio de Agricultura, Alimentación e Medio Ambiente xa dou unha primeira resposta lanzando o pasado mes de abril a Estratexia “Máis alimento, menos desperdicio”, pretendendo levar a cabo unha tarefa de concienciación cidadá na materia.

14 BOS PROPÓSITOS PARA O 2014

Neste contexto, a Consellería de Medio Ambiente e Sogama tamén queren aportar o seu gran de area e, baixo o lema “Coa comida non se xoga”, poñen en circulación unha guía básica, asequible a todo tipo de público, na que se recollen 14 propósitos de cara ao ano 2014, reducíndose estes a xestos tan sinxelos como planificar a compra en función dos membros que conforman a unidade familiar, revisar a despensa a fin de mantela en orde, elaborar unha lista detallada da compra co propósito de adquirir unicamente o necesario, valorar na súa xusta medida as ofertas e promocións para comprobar se se axustan ás nosas necesidades e ritmo de consumo, comparar prezos e calidades, atendendo ao prezo por quilo de produto máis que ao prezo por unidade, ler o contido das etiquetas, diferenciar claramente entre consumo preferente e data de caducidade, vixiar o correcto funcionamento do frigorífico e conservación dos alimentos no mesmo, servir pequenas racións (é mellor que os comensais repitan) e conxelar os restos, elaborando menús coas sobras das comidas.

Neste sentido, cabe recordar que Sogama dispón dun libro de receitas de cociña “Para repañar o prato!”, accesible a todos os interesados a través da súa páxina web www.sogama.es, no que se presentan deliciosos menús adaptados a todos os gustos, ademais de trucos específicos para a conservación de alimentos e pautas para separar axeitadamente os residuos en orixe e depositalos nos contedores correspondentes para facilitar o seu posterior reciclado.

Así mesmo, Consellería e empresa animan ás familias do ámbito rural a converter os restos de alimentos, xunto con outra materia orgánica, en abono natural a utilizar como fertilizante en hortas e xardíns, unha práctica que, a través do seu programa de compostaxe doméstica, Sogama xa instaurou nos últimos tres anos en máis de 1.800 fogares galegos de medio centenar de municipios, os cales están contribuíndo a diminuír o importe da factura que os concellos deben pagar a Sogama pola xestión e tratamento do lixo convencional.

E se estas pautas se seguen nos fogares, tamén nos restaurantes debemos ser inflexibles, pedindo con moderación e reclamando as sobras para levalas á casa, unha medida implantada xa fai tempo en Estados Unidos e moitos países europeos.
Departamento de Comunicación de Sogama