Skip to main content
A | B | C | D | E | F | G | I | L | M | N | O | P | Q | R | S | T | V | X | Z

Comeza a funcionar a Unidade Galicia Emprende e mobilizará 10 millóns de euros

O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, avanzou que comeza a funcionar a Unidade Galicia Emprende, un instrumento que nace para asesorar e apoiar aos emprendedores galegos, que pretende ser un “axente facilitador dos emprendedores galegos” e que constitúe unha ferramenta “fundamental” da Lei do emprendemento e da competitividade económica de Galicia que xa aprobou o Executivo autonómico. Durante a celebración dun encontro sobre O novo impulso da Xunta á creación de empresas, o mandatario galego adiantou, tamén, a posta en marcha dun novo programa dirixido ao colectivo de emprendedores, Galicia Emprende, que apoiará investimentos por valor de 10 millóns de euros o vindeiro ano 2014 e que mañá mesmo será aprobado no Consello da Xunta.

Feijóo resaltou a importancia da Unidade Galicia Emprende por canto será a encargada de prestar todos os servizos de apoio ao emprendedor e de emitir informe de viabilidade para proxectos maduros nun prazo máximo de 30 días.

Ademais, a Unidade Galicia Emprende incorporará Puntos de atención ao emprendedor que posibilitarán a constitución formal dunha nova empresa en 24 horas; creará un Portal do emprendedor; articulará unha Rede de mentores para dotar de formación e asesoramento aos emprendedores galegos grazas aos 100 profesionais designados para isto; e incorporará a Rede de Viveiros Galicia Emprende, que recompilarán todos os viveiros e incubadoras de empresas existentes en Galicia, avaliará as súas características e adecuación e terá información actualizada para poder ofrecer ao emprendedor un espazo axeitado para a súa empresa.

Aprobación da Lei do emprendemento no pleno do Parlamento
Segundo resaltou o mandatario galego, a Unidade Galicia Emprende que desde mañá estará ao servizo de todos aqueles emprendedores que queiran cristalizar a súa idea e convertela nun proxecto viable, forma parte esencial da Lei do emprendemento e da competitividade de Galicia, unha norma que, segundo sinalou, se prevé que sexa aprobada a vindeira semana no pleno do Parlamento.

Feijóo incidiu en que esta lei procura un marco que estimule a actividade emprendedora e nace co obxectivo de elevar a taxa de emprendemento nun 60% durante esta lexislatura, acadando a cifra de 130.000 novos emprendedores na nosa comunidade. Unha norma que busca tamén a “simplificación administrativa” ao suprimir, con carácter xeral, as licenzas municipais de obra e de actividade, substituíndoas por comunicacións previas.

A Lei do emprendemento recolle, ademais, incentivos económicos e fiscais, como a dedución do 20% no IRPF para os investimentos en capital ou a concesión de créditos para crear novas empresas; no Imposto sobre sucesións e doazóns prevé unha redución do 95% da base impoñible pola entrega de calquera ben –monetario ou doutra especie-, destinado á constitución dunha nova empresa; o Imposto sobre patrimonio contará cunha bonificación do 75% para investimentos na adquisición de accións ou participacións de empresas novas ou de recente creación; e o Imposto de actos xurídicos documentados terá unha dedución de ata o 100% para a formalización de préstamos ou leasing cuxa finalidade sexa a adquisición de locais de negocios para novas empresas. Unhas medidas fiscais que, segundo lembrou o presidente da Xunta, “terán carácter retroactivo desde o 1 de xaneiro de 2013”.

A través desta nova norma o Goberno galego regulará os principais instrumentos financeiros dos que os emprendedores se poderán servir: o fondo de capital risco Galicia Emprende, que se suma aos xa dispoñibles a través de XesGalicia; os microcréditos, da man das sociedades de garantía recíproca; a Rede de investidores particulares ou business angels; o fomento dos instrumentos de crédito habituais nas entidades financeiras; ou subvencións como as recollidas no novo programa Galicia Emprende, que anunciou hoxe o presidente galego.

“Unha batería de medidas financeiras que, sumadas ao esforzo conxunto das organizacións públicas mobilizarán, no ano 2014, 50 millóns de euros para incentivar o emprendemento en Galicia”, aseverou Feijóo.

Favorecer que Galicia sexa un “terreo fértil e propicio para o investimento”
Estamos ante unha norma ambiciosa e útil, unha lei que busca a simplificación e a rapidez á hora de crear novas empresas e que acompaña ao emprendedor en todas as fases, desde a xestación do proxecto ata a súa maduración e posta en marcha, asesorándoo sobre a viabilidade das súas ideas de negocio e posibles axudas para os seus proxectos, explicou o presidente da Xunta.

Feijóo incidiu no empeño do Executivo autonómico por facer que Galicia sexa un terreo “fértil e propicio” para o investimento e para os negocios, favorecendo o emprendemento e ofrecendo facilidades e solucións para a creación de novas iniciativas empresariais.

Indicadores económicos

A este respecto, lembrou os esforzos que se teñen realizado para lograr que Galicia sexa hoxe unha Comunidade que cumpre os obxectivos do déficit; que mantén controlada a débeda pública; que dispón dunhas contas públicas fiables e solventes; e cunha estabilidade financeira que permite manter e mellorar os servizos públicos.

Uns “desvelos e sacrificios” que, segundo considerou Feijóo, teñen pagado a pena. Puxo como exemplo que no período 2009-2012 Galicia se converteu, xunto con Madrid, na Comunidade Autónoma con menor déficit público no conxunto do Estado; que nos tres primeiros trimestres deste ano 2013 logrou reducir o déficit público nun 31%; que o PIB no conxunto de 2012 foi 7 décimas mellor que a media, o que converteu Galicia na segunda Comunidade con menor recesión do Estado autonómico nese exercicio; que no terceiro trimestre do ano a economía galega rexistrou taxas positivas de crecemento, o 0,1%, o que supón que, “é a primeira vez que recuperamos un crecemento positivo e estamos axexando un crecemento para todo o ano 2014”; que o IPI subiu un 1,5% no pasado mes de outubro e que Galicia é a comunidade de maior incremento deste índice no que vai de ano (3,3 fronte a -2,3 da media nacional); ou que a nosa Comunidade mantén unha taxa de paro inferior en case 4,5 puntos á media e, por primeira vez desde 2007, o paro rexistrado en taxa interanual é inferior ao do ano pasado.

Todo isto, demostra, en palabras de Feijóo, “que en Galicia os datos son mellores que na media de España, o que non significa en ningún caso –matizou-, que esteamos definitivamente nunha situación axeitada”- Por iso avogou por “non baixar a garda e seguir camiñando cara a dirección correcta”, na senda da recuperación.

Un camiño no que o mandatario autonómico pediu a implicación dos emprendedores galegos para lograr que este lixeiro crecemento económico se torne sólido e permita xerar riqueza e emprego na Comunidade. Feijóo confiou, neste sentido, en que Galicia conte cunha nova xeración de empresarios e emprendedores e que o ano 2014 sexa o ano do inicio da recuperación económica, algo –lembrou-, que non será posible sen os nosos emprendedores e empresarios.
Gabinete de Comunicación da Xunta de Galicia