O Museo do Centro Gaiás acolle a entrega dos Premios da Cultura Galega 2013

Un total de oito categorías conforman estes galardóns, que na súa edición de 2013 incorporaron o Premio Cultura Galega de Lingua. O Premio da Cultura Galega das Letras 2013 entregaráselle á escritora Luz Pozo Garza; o das Artes Plásticas recaeu na Fundación Eugenio Granell e o das Artes Escénicas, na Mostra de Teatro de Ribadavia (Abrente-MIT). Na modalidade de Patrimonio Cultural o galardón foi para o Museo do Castro de Viladonga; o premio de Promoción Exterior, para o Instituto Arxentino-Galego Santiago Apóstol; o de Musica, para o compositor Juan Durán; e na categoría Audiovisual recibirá o galardón Bambú Producciones. A nova categoría, o Premio da Cultura Galega de Lingua, será para a Asociación PuntoGal.
Gala con actuacións de primeiro nivel
Nesta ocasión, a gala contará con diversas actuacións de gran calidade ao longo do acto. A formación Talabarte, composta polo violinista Quim Farinha, o acordeonista Pedro Pascual e o contrabaixista Kin García, realizarán xunto co grupo de teatro Lusco e Fusco, formado por Fredi Muiño e Pablo Reboleiro, unha actuación que conectará a creatividade contemporánea e as músicas tradicionais galegas e doutras latitudes coa danza e o circo.
A artista galego-palestina Najla Shami, acompañada pola viola de gamba de Arquímedes Artal, interpretará unha versión do poema “Negra sombra”, de Rosalía de Castro, que esta incluído no seu último traballo, ‘Na lingua que eu falo’. Os bailaríns Miguel A. Ponte e Ana Serantes interpretarán unha coreografía do Centro Coreográfico Galego deseñada por Mercedes Suárez sobre o "Valse de Talabarte”.
Ademais, a agrupación Zoar Ensemble, formada polos músicos Álex Salgueiro (fagot), Benjamín Iglesias (trompa), Antonio Suárez (clarinete), David Villa (óboe) e Joan Ibáñez (frauta), interpretarán unha peza de musical que debuxará o contraste dunha alborada e unha danza popular.
A través destes galardóns, a Xunta de Galicia ten como obxectivo apoiar o labor creativo, a experimentación e a capacidade de proxección da construción cultural de Galicia nos diferentes ámbitos.
Gabinete de Comunicación da Xunta de Galicia