Skip to main content
A | B | C | D | E | F | G | I | L | M | N | O | P | Q | R | S | T | V | X | Z

O galego, Lingua de Reis na programación de Nadal dos municipios de Galicia

A Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, en colaboración con concellos pertencentes á Rede de Dinamización Lingüística (RDL) da Xunta de Galicia, pon en marcha por segundo ano consecutivo a actividade “Lingua de Reis”, que no marco do amplo programa “Nadal en Rede” levará os tres Magos de Oriente a 16 centros de titularidade pública para dinamizar o uso da lingua propia de Galicia en alumnado de infantil e primeiro ciclo de primaria nas vésperas das vacacións de Nadal.

O secretario xeral de Política Lingüística asistiu ao encontro celebrado no CEIP Palas de Rei, no que estivo acompañado polo tenente alcalde da localidade lucense, Amando Sande, e mais polo concelleiro de Educación, José Ramón García.

García Gómez destacou “a importancia simbólica de que uns personaxes tan queridos pola xente miúda non só falen na nosa lingua, senón que tamén as Súas Maxestades animen a escribir as misivas cos desexos para o Nadal 2013 en galego, proba de que os Magos de Oriente coñecen o idioma propio de Galicia e de que o galego, como foi no pasado, segue a ser, arestora, Lingua de Reis”.

Melchor, Gaspar e Baltasar deixaron patente o seu cariño e respecto pola lingua galega, un idioma que lles encanta falar, ler e escoitar, segundo manifestaron nun breve discurso ao inicio do acto. Logo das presentacións, a rapazada puido conversar cos Reis Magos e recibir persoalmente as cartas cos seus desexos para a noite de Reis.

Os Reis Magos, que iniciaron o seu periplo pola RDL esta semana, seguirán visitando centros de ensino radicados en localidades da RDL durante a que vén, nas vésperas das vacacións escolares do Nadal. Logo de percorrer O Vicedo, A Pontenova, Monterroso, O Incio, Boimorto e Palas de Reis, os encontros chegarán a Castro Caldelas, A Veiga, Melón, Ramirás, Caldas de Reis, Cerdedo, Bande, Cea, Mesía e A Baña.

‘Nadal en Rede’

“Lingua de Reis” é unha das iniciativas do programa “Nadal en Rede”, que inclúe un amplo abano de propostas de lecer e escolares –coordinadas estas últimas en colaboración cos concellos- de balde, así como recursos para festexar o Nadal en galego.

Destinadas ao público familiar póñense en marcha as actividades “O Crebanoces” e “Cantámosche os reis”. Na primeira delas, o espectáculo de teatro con monicreques baseado no conto de Hoffmann con música de Tchaikovsky chegará a 24 localidades, da man da empresa Urdime e da atriz Larraitz Urrozola. Na segunda, os cantares tradicionais de Nadal, Aninovo e Reis promoverán, en formato obradoiro e a partir da vindeira semana noutras 21 localidades, a recuperación dunha das tradicións galegas máis arraigadas na cultura popular, da man dos coñecidos músicos Pablo Díaz e Olga Kirk.

Xa está a disposición do público infantil a Carta ás Súas Maxestades, que se pode descargar de balde en www.xunta.es/linguagalega/carta_maxestades. A mocidade e o público adulto ten oportunidade, tamén este ano, de felicitar as festas de maneira personalizada coas divertidas postais electrónicas do espezo virtual www.postaisengalego.com, accesible desde www.xunta.es/linguagalega/postais_en_galego.

A oferta de “Nadal en Rede” fornece de recursos ata aos propios Reis Magos, que poderán botar man, para as tradicionais cabalgatas do 5 de xaneiro, dunha manchea de discursos en galego da autoría de 26 coñecidas escritoras da literatura galega actual, no “Libro dos Reis Magos”, editado por Galaxia e ao que se pode acceder, sen custo, no enlace web www.xunta.es/linguagalega/libro_reis_magos.

A guía dixital “Un novo Nadal. Guía de agasallos en galego para a mocidade”, promovida conxuntamente pola Secretaría Xeral de Política Lingüística e mais pola Dirección Xeral de Xuventude e Voluntariado da Xunta de Galicia achegará, nomeadamente á mocidade e ás familias novas con bebés, unha morea de posibilidades para agasallar este Nadal. Con ela completarase, nos vindeiros días, a posta en marcha da segunda edición de “Nadal en Rede”.

Máis información en www.xunta.es/linguagalega/nadal_en_rede_2013.
Gabinete de Comunicación da Xunta de Galicia