Skip to main content
A | B | C | D | E | F | G | I | L | M | N | O | P | Q | R | S | T | V | X | Z

O papel dos Castro como principal familia condal galega, a debate nas xornadas sobre o Reino de Galicia

O delegado de Cultura e Turismo da Deputación de Lugo, o nacionalista Mario Outeiro, participou última charla das tres que compoñen o ciclo de conferencias que organiza a Vicepresidencia da Deputación de Lugo no marco da exposición “Galiza nun tempo de seu”, un proxecto co que se pretende ofrecer ás e aos lucenses unha visión xeral e sinxela da Galiza medieval.

‘Galiza, un país con clase dirixente: a perspectiva e alternativa galega na crise peninsular e europea da segunda metade do século XIV’, é o título desta última charla, impartida por Francisco Rodríguez Sánchez, catedrático de Lingua e Literatura que conta cunha ampla obra sobre temas como a sociolingüística, Rosalía de Castro, Curros Enríquez, Eduardo Blanco Amor así como da historia de Galiza, asunto sobre o que ten realizado importantes achegas de xeito especial no relacionado co século XIV.

O papel dos Castro como principal familia condal galega e que se sitúa á cabeza dunha opción política atlántica que aspira a orientar o Reino de Galiza cara o seu espazo natural no plano xeográfico mais tamén no económico e social, foi o eixo central deste relatorio.

Durante a súa intervención, o delegado de Cultura explicou que “o ciclo de conferencias que hoxe remata deunos a oportunidade de afondar na historia da Galiza medieval, estudando tres momentos que amosan cal foi o desenvolvemento da nosa nación no período baixomedieval. Tanto coa exposición como con estas conferencias que a complementan, desde a Vicepresidencia da Deputación de Lugo pretendemos que todas e todos os lucenses tivesen a oportunidade de achegarse á historia da nosa nación”.
Gabinete de Comunicación da Vicepresidencia Primeira da Deputación Provincial de Lugo