Skip to main content
A | B | C | D | E | F | G | I | L | M | N | O | P | Q | R | S | T | V | X | Z

Arrinca a Festa da Pita

A ORIXE
A orixe desta festa remonta-se aos finais da década dos 50; e a razón que impulsou ao povo a realizá-la foi a voda entre dous viúvos residentes no bairro (don Antonio Guimarey e dona Gumersinda de Benavides, por mal nome: A Pita). A vella tradición de fazer cinzarrada ao viúvo ou viúva que casaba, viu-se aqui reforzada pola situación pouco habitual dos dous contraíntes atoparen-se nese estado. Así, logo, foi-lles reclamada unha cuantidade económica para realizar unha festa como mandaba a situación. Ao negar-se os noivos a fazé-lo, as xentes do lugar comezaron a tocar-lles o corno e outros instrumentos improvisados fazendo forte escándalo e enteirando a todas as xentes dos arredores. Se pagaron a festa ou non, non o temos craro (hai quen di que si), mais o asunto é que apartir de entón comezou a celebrar-se por esa data nas Eiroás a mais popular das celebracións pagás: o Entroido. A festa, na honra da noiva, coñeceu-se algún tempo como Festa da Pita, pois era o alcume da protagonista, e celebrou-se até os comezos dos '70, deixando de fazer-se ainda non sabemos bem porqué até no ano 1999 a A VV recuperar o festexo, celebrando-se desde entón nas Eiroás o ciclo tradicional do Entroido.
OS DÍAS
Este ciclo comeza o domingo de septuaséxima (na vindeira edición, o 23 de xaneiro) coa celebración do Domingo Fareleiro (tambén coñecido como Borrallento), día no que o farelo e a fariña -ademais doutros elementos como a borralla, a cinsa...- protagonizan a xornada nunha luita entre mozos e mozas, homes e mulleres, convertendo-se -xunto coa música- nos primeiros anúncios do Entroido. Nesta xornada tambén é colocado o Meco na praza, quen presidirá a nosa Festa até a sua fin no Martes do Entroido.
A guerra fareleira desta xornada, que comezará ás 5 do serán, estará amenizada pola Charanga Chunda-Chunda
Proseguimos a Festa da Pita o seguinte domingo, de sexuaxésima (o 30 de xaneiro) coa celebración do Domingo Oleiro (principalmente coñecido como Corredoiro na Galiza). Neste dia comeza-se a correr o Entroido. Tambén neste dia sae por primeira vez a Pita (máscada das Eiroás, adoitada polo Concello de Ourense). Centra a actividade da xornada o Xogo das Olas, xogo no que unha roda de homes ou mulleres van-se atirando unha ola dos uns para os outros cheia de água, plumas... Cuando alguén non consegue apañá-la e deixa que escache no chao, perde e, ademais de ficar todo mollado ou cuberto de plumas, ten de pasar pola taberna a pagar o viño para toda a roda. Según Chivite, en Ourense este xogo praticaba-se no Domingo Corredoiro ou no Xoves de Comadres, de aí que elexiramos a designación de Oleiro para este día.
Máis de meio cento de olas romperán-se na Praza d’As Eiroás nunha xornada que arrincará depois das 4 e meia e que contará coa animación da Charanga Chunda-Chunda.
E a Festa remata o Martes do Entroido (neste ano o 8 de fevereiro). A xornada comeza pola mañá con un Folión que percorre o bairro anunciando con Pitas, gaiteiros, bombas e máscadas que chegou o dia grande. Depois do xantar os viciños e as viciñas converten-se en actores e actrizes improvisados/as da Voda da Pita (unha representación do que puido ser aquela voda que dera orixe à festa). Posteriormente, un Baile e concurso de máscadas, amenizado pola Orquestra MAMBO, leva-nos até a noite, momento no que despedimos o Entroido coa Queima do Meco.
Antes, no Domingo de Entroido (o 6 de fevereiro), as Pitas abrirán un ano máis o Desfile do Entroido ourensán, participando no mesmo fora de concurso.
A PITA
No ano 2001, decide-se criar unha máscada que represente nos anos vindeiros ao Entroido desta zona. Nasce así –nos albores do século XXI- A Pita, unha máscada que aúna un espírito entroideiro e unha homenaxe a aquela viúva que, sen querer, deu orixe á nosa festa máis querida.
A máscada ten duas partes: o casco (feito à medida da persoa que o vai levar) e o pescozo (realizado con medidas tipo).
O casco fai-se con vendas de estuque e emprega-se como molde a própria cabeza da persoa portadora. Depois das capas suficientes e dos conseguintes modelados, engaden-se os picos laterais, anterior e posterior, lixa-se se for preciso e pinta-se con arranxo às seguintes normas: a parte dianteira de xeito arlequinado, en cor branca e negra; e na parte traseira cadaquén elixe o xeito de o decorar; só terá que cumprir con un requisito: aquilo que debuxe terá que gardar relación coa natureza ou co matrimónio.
O pescozo fai-se con papel-maché, seguindo as medidas tipo. Depois de extender a pasta de papel por todo o longo do pescozo e de perfilar o que serán os papos e a crista da pita, engaden-se unhas plumas de fieltro de cores vivas, que lle dan colorido ao conxunto da máscada.
No ano 2002 apresenta-se o traxe que vestirá esta máscada. Depois de traballar na ideia sobre o deseño do mesmo ao longo de todo o ano, este fica como se detalla a continuación:
Consiste nun traxe elegante (temos que lembrar que imos de voda) que tenta mesturar as bases do traxe tradicional galego coas premisas entroideiras. Falamos pois, dunha chaqueta curta e dunhas calzas curtas negras sobre unha camisa e unhas meias de encaixe brancas, às que acompañan unhas polainas negras e diversos ornamentos. Dos brazos da chaqueta colgan sendas capas cheias de plumas de vivas cores (a xogo coa máscada) rematadas por 4 puntas das que colgan cadanseu axóuxere. As calzas curtas tambén levan 6 axóuxeres (3 por cada perna) no fondo das mesmas (ou sexa, á altura do xoello) das que colgan 4 fitas das mesmas cores empregadas no resto do traxe. A camisa é branca, sen pescozo, pois de aquí saen diversas fitas das cores habituaes. As meias son brancas de encaixe. As polainas son negras e tambén conta con 2 axóuxeres por perna e 4 fitas. Ademais, o traxe complementa-se con un cinto de coiro, do que colgan 5 pequenas chocas e con unha bolsa tambén de coiro na que as Pitas levan os ovos que atiran a quen se cruza no camiño. Dos ombros saen outras fitas máis grosas e máis longas que son as que indican a antigüidade da Pita: por cada ano, engadirá-se unha fita ao traxe (cada cor representa un ano).
Como curiosidades do traxe, podemos dicer que
- Os ovos están valeiros e recheios de penso,,, mália cada Pita sempre levará -polo menos- 1 de verdade.
- As bolsas de coiro levan piro-gravado o anagrama da Asociación dos Amigos e das Amigas da Pita e a data da 1ª aparición do traxe.

Lois Pardo (As Eiroas)