O delegado da ONCE en Galicia visita a Deputación de Ourense e entrevístase con Manuel Baltar

Pola súa banda, Manuel Baltar agradeceu a visita e loubou o traballo “de solidariedade e prestixio” que a ONCE está a realizar na provincia de Ourense, e comentou en detalle as accións que a deputación está a realizar no ámbito dos servizos sociais, sinaladamente, as enmarcadas dentro do plan “BenOurense”, o primeiro plan provincial de servizos sociais na historia da institución, pioneiro tamén en Galicia, “que ten na “cooperación” entre deputación e concellos a palabra clave para fortalecer e favorecer o crecemento económico e social dos municipios da nosa provincia pensando sempre nas persoas”.
Baltar e Martínez Pan falaron tamén da colaboración institucional entre Deputación de Ourense e a ONCE que se formalizou o pasado verán, cando a provincia de Ourense foi a protagonista do cupón da ONCE que se premiou no Día de Galicia, o 25 de xullo, ao representar neste documento da organización social aos cinco entroidos máis importantes da provincia de Ourense: Laza, Manzaneda, Verín, Viana do Bolo e Xinzo de Limia, declarados de “Interese Turístico”. Neste senso, comentaron a posibilidade de seguir afondando no futuro na colaboración institucional para seguir potenciando os proxectos sociais na provincia de Ourense.
Manuel Baltar subliñou que a ONCE é unha das organizacións máis valoradas pola cidadanía, “proba do ímprobo labor que fai a prol da integración das persoas”.
Gabinete de Comunicación da Deputación Provincial de Ourense