Preséntanse o CD Os ollos que falan e o libro-CD Nas tardes escuras, sobre a obra de Rosalía de Castro

Cultura e Educación colabora a través da Axencia Galega das Industrias Culturais (Agadic) na celebración deste recital, que a Agrupación Cultural O Galo organiza xunto coa Asociación Cultural e Musical Solfa e a Asociación Socio-Pedagóxica Galega. Con este concerto especial, O Galo clausura ademais o amplo programa de actividades que desenvolveu durante todo o ano pasado para conmemorar o 150 aniversario da publicación de ‘Cantares gallegos’ a través de rutas, conferencias, exposicións e espectáculos escénicos e musicais.
Integran Tempo Catro os profesores do Conservatorio Profesional de Música Xan Viaño de Ferrol Suso Iglesias (acordeón), Andrés Pazos (piano), Antonio Romero (contrabaixo) e Pablo Salgueiro (percusión), o profesor do Conservatorio Profesional da Coruña Javier Cedrón (violín) e a cantante Begoña Lorenzo, que se incorporou á formación para poñer voz a Rosalía tanto neste traballo discográfico como na xira galega que están a desenvolver para presentalo.
Suso Iglesias e Andrés Pazos son, ademais, os autores da música dos once temas de ‘Os ollos que falan’, no que os poemas de ‘Cantares gallegos’ soan a ritmo de valse, fado, salsa, mazurca, xota ou pasodobre, entre outros estilos. A Asociación Socio-Pedagóxica Galega produciu este disco, a través do que se busca reflectir a actualidade das temáticas e xeitos de contar da gran poetisa galega.
As entradas para asistir a este concerto poden adquirirse de xeito anticipado, a un prezo de 10 euros, en oito locais hostaleiros e comerciais de Santiago de Compostela: restaurantes O Dezaseis, Bicoca e Grândola, cafés O Barranquillo e Airas Nunes, libraría Pedreira, Espazo Enocultural Vide, Vide! e na sede da Agrupación Cultural O Galo. Tamén estarán á venda no despacho de billetes do Salón Teatro o mesmo venres 10, a partir das 18.30 horas, a un prezo de 12 euros.
“Nas tardes escuras”
A Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, a través da Secretaría Xeral de Política Lingüísitca apoia a edición do libro cd “Nas tardes escuras”, co que se rende homenaxe a Rosalía de Castro, interpretando e musicalizando os seus poemas, e que foi presentado no teatro Colón da Coruña.
Na publicación, coa que se continúa a homenaxear a autora galega da que se cumpriron 150 anos de “Cantares Gallegos” faise unha interpretación desta obra cunha linguaxe electrificada do rock, cunha visión contemporánea e enérxica dos textos da poetisa e completa as súas páxinas con ilustracións asinadas polo debuxante Fausto.
No acto estivo presente o secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García, sinalou que “a Consellería colabora na realización desta publicación, que terá unha segunda edición, e que achega a lingua galega especialmente para mozos/as e adolescentes mediante textos de tanta permanencia e importancia para o galego como son os de Rosalía de Castro. Todo isto está conseguido con éxito a través da música de Narf”. “Unha vez máis queda demostrado que as creacións da poetisa galega permanecen no tempo e son fonte de inspiración constante para todas as xeracións”, recordou o representante da Consellería de Cultura e Educación.
A presentación oficial do libro disco “Nas tardes escuras”, editado por “El Patito Editorial”, completouse cunha mostra de actuación a cargo de Narf, que interpretou algúns dos doce títulos que compoñen a publicación e entre os que se atopan “Tal como as nubes”; “Amores cativos”; “Follas Novas”.
O disco completo, no que se mostra o diálogo entre o artista e a obra de Rosalía de Castro, será dado a coñecer este venres ás 20,30 horas neste mesmo escenario. Un concerto que da continuidade as actuacións que xa se realizaron en Santiago, Pontevedra, Vigo ou Ferrol. Unha xira na que Fran Pérez está acompañado polo batería L.A.R. Legido e polo baixo “HO CHI MING” Alberte Rodríguez.
Gabinete de Comunicación da Xunta de Galicia