Galicia preside a Conferencia de Asembleas Lexislativas Rexionais de Europa (CALRE)

O mandatario autonómico, que presidiu a toma de posesión da responsable da Cámara galega, Pilar Rojo, como presidenta da Conferencia de Asembleas Lexislativas Rexionais de Europa (CALRE), sinalou o Parlamento como a institución que alberga a conexión en harmonía entre o individuo e a comunidade que sustenta a idea de Europa como espazo de liberdade e convivencia pacífica.
Destacou que foi nos parlamentos onde “conceptos que semellaban abstractos, como Pobo ou Sociedade, tomen voz, falen con forza, se expresen”. “A partir do nacemento deses parlamentos, ninguén poderá usurpar en van a representación popular sen ser chamado ditador ou tirano”, manifestou.
Nesta liña, lembrou que “os Parlamentos reflicten unha complexidade social e exixen un ánimo conciliador que algúns non poden entender ou non poden soportar”, e sinalou que, como xa aconteceu no pasado, tamén no presente “o menosprezo cara ao Parlamento delata actitudes totalitarias”.
O titular da Xunta considerou que o parlamentarismo europeo constitúe o triunfo da idea de liberdade, e sinalou que en todas as cámaras que compoñen a Conferencia de Asembleas Lexislativas Rexionais de Europa son comúns os debates, as interpelacións, as preguntas, as votacións e os momentos de tensión. Nesa liña, salientou que esa comuñón ten en boa medida en Galicia o seu punto de partida porque “Compostela foi destino de moitos peregrinos que iniciaron o Camiño sendo do seu lugar de orixe para regresar sendo, ademais, máis europeos”.
“O Camiño de Santiago crea unha identidade que se superpón ás identidades previas, sen suprimilas. Anticipa o que é natural hoxe en día, cando cada europeo é da súa rexión, pertence ao seu país e se sinte partícipe de Europa”, afirmou Feijóo.
Para o responsable do Executivo autonómico “o ser humano é complexo porque é libre, e o mesmo acontece cos pobos”, polo que sinalou que intentar coartar a súa diversidade e impoñer identidades únicas “é unha pretensión contraria á idea de Europa que forxamos”. E engadiu que “os nosos pobos son máis libres porque non están sós, porque comparten e son capaces de crear unha casa común que chamamos Parlamento”.
Gabinete de Comunicación da Xunta de Galicia