Skip to main content
A | B | C | D | E | F | G | I | L | M | N | O | P | Q | R | S | T | V | X | Z

Músicas a carón da Mosqueira abre o programa Lugo Cultural de 2014

O delegado de Cultura e Turismo da Deputación de Lugo, o nacionalista Mario Outeiro, participou na presentación do programa de actividades planificadas no marco do convenio Lugo Cultural para este 2014, nun acto celebrado na Vicerreitoría do Campus de Lugo e no que tamén participaron, o vicerreitor do mesmo, Pedro García Herradón; e a concelleira de Cultura de Lugo, Carmen Basadre.

A oferta de actividades previstas para 2014, que conta coa colaboración da área de Cultura da Deputación de Lugo, dará comezo o vindeiro martes, 21 de xaneiro, cun concerto de clarinete e piano da man de Joan Tormo e Antonio Ortiz, respectivamente, ás 20.00 horas na Casa do Saber, no marco do programa “Músicas a carón da Mosqueira”, ciclo de música de cámara que ofrecerá seis concertos no primeiro semestre do ano e no que previsiblemente tamén participará a orquestra de Cámara da Universidade de Santiago.

No eido musical tamén se desenvolverá a sétima edición do ciclo Lubicán, a través do que se busca achegar ao público lugués a música feita por grupos galegos de diferentes estilos, e que comezará en febreiro coa presentación do novo disco de aCadaCanto, ‘A Rosa d’Adina’, homenaxe a Rosalía de Castro co gallo do 150 aniversario da publicación de ‘Cantares Gallegos’, e coa presentación do último traballo de A Quenlla.

Nun plano musical diferenciado ao do Lubicán, atópase ‘Sons Creativos’, un espazo de creación musical que aposta pola música de vangarda e pola súa difusión. Este programa, organizado polo Grupo de Creación Sonora da USC baixo a dirección de Inmaculada Cárdenas, chegará en 2014 á súa sexta edición.

O Festival de Teatro Universitario, que este ano acada a súa vixésima edición e o XII Encontro de Danza, que terán lugar en abril, así como o Curso de Primavera, que na súa décima edición abordará o concepto de violencia como o aspecto transversal á cultura e á historia da humanidade, e o Maratón Fotográfico do Campus de Lugo son outras das citas destacadas que se manteñen este ano no marco do Lugo Cultural.
Gabinete de Comunicación da Vicepresidencia da Deputación Provincial de Lugo