Skip to main content
A | B | C | D | E | F | G | I | L | M | N | O | P | Q | R | S | T | V | X | Z

Reedítase o libro Aproximación ao pensamento e ideoloxía de Vicente Risco

A Deputación de Ourense presentou a reedición do libro Aproximación ao pensamento e ideoloxía de Vicente Risco, do que é autor o catedrático e doutor en Historia Jesús de Juana, unha publicación que conmemora os 50 anos do pasamento do escritor ourensán (1884-1963) e que en opinión do presidente da Deputación de Ourense, Manuel Baltar, “segue situando na actualidade o precursor da Xeración Nós e a un dos pensadores que máis fixo pola identificación de Ourense”.

A obra, en galego e castelán está reeditada dunha publicación que data de 1984, e conmemora, asemade, o centenario do insigne autor ourensán “por que todos sentimos a fonda pegada de intelectualidade e defensa do noso que deixou Risco na súa obra e na súa vida”, afirmou Manuel Baltar. Sobre o autor da publicación, Baltar dixo que Jesús de Juana deixa ben ás claras nesta obra “o seu talante de investigador” e adiantou que o profesor De Juana está a traballar xa no que será o segundo tomo da obra Galegos de Ourense.

O acto de presentación, que tivo lugar no Centro Cultural “Marcos Valcárcel” da Deputación de Ourense contou tamén coa presenza de Luis Martínez-Risco Daviña, secretario da Fundación Vicente Risco.

A obra está prologada por Xosé Ramón Barreiro Fernández, catedrático de Historia Contemporánea da Universidade de Santiago, ademais de numerario e expresidente da Real Academia Galega. Supón a primeira edición en galego, e ámbalas dúas edicións –galego e castelán- están ilustradas con fotografías e debuxos cedidos pola Fundación Vicente Risco para estas publicacións.

Gabinete de Comunicación da Deputación Provincial de Ourense