O programa Ler conta moito ofrece 160 propostas para dinamizar a lectura

Obradoiros creativos, actividades de narración oral, proxeccións audiovisuais na biblioteca, actividades de dinamización con música, teatro, danza e maxia, exposicións, charlas e itinerarios guiados son as principais actividades do novo catálogo de ‘Ler conta moito’, un programa promovido pola Secretaría Xeral de Cultura para favorecer a promoción da lectura entre a cidadanía, especialmente entre os máis novos.
Unha ferramenta para dinamizar a lectura
O catálogo de actividades de ‘Ler conta moito’, que están dirixidas a diferentes públicos (bebés, nenos e nenas, mocidade, adultos e colectivos con necesidades especiais), está actualmente ao dispor da Rede de Bibliotecas Públicas de Galicia como recurso para a elaboración da súa programación anual de difusión cultural e fomento da lectura. Cada biblioteca deberá solicitar e programar un mínimo de dúas actividades. A Secretaría Xeral de Cultura aboará o 75% do custo das actividades programadas, mentres que os concellos implicados aboarán o 25% restante.
En 2013, o departamento dirixido por Anxo Lorenzo puxo en marcha este novo programa de dinamización da lectura, ao abeiro do que se realizaron nese ano un total de 606 actividades en 155 bibliotecas públicas de toda Galicia, que foron relatadas polas bibliotecas no blog http://blogs.xunta.es/lercontamoito/.
Gabinete de Comunicación da Xunta de Galicia