Skip to main content
A | B | C | D | E | F | G | I | L | M | N | O | P | Q | R | S | T | V | X | Z

Unha organización transversal e coordinación, obxectivo da primeira lei de arquivos de Galicia

O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, avanzou, durante a rolda de prensa posterior ao Consello, a remisión ao Parlamento do proxecto de Lei de arquivos e documentos de Galicia. Subliñou que se trata dunha Lei destinada a que Galicia conte cun regulamento específico nesta materia que garanta máis coordinación entre os distintos arquivos da Comunidade; maior modernización, ao lexislar por primeira vez o papel dos arquivos no medio electrónico, e abordar o desenvolvemento da dixitalización de documentos; e a fomentar unha xestión documental eficiente.

Despois de lembrar que a ata o de agora a Lei do patrimonio cultural de Galicia, que data de 1195, foi a primeira norma legal que dedicou unha atención aos arquivos e ao patrimonio documental, Feijóo explicou que o primeiro obxectivo do novo texto é “delimitar un Sistema de Arquivos de Galicia, que agrupe os arquivos públicos da Comunidade e os privados que así o soliciten”.

Deste xeito, no Sistema de Arquivos de Galicia proponse a integración das administracións públicas, entendendo por tales a Xunta, os concellos e as universidades. E ao Arquivo de Galicia, situado na Cidade da Cultura, e que é a cabeceira deste sistema, correspóndelle “ditar as directrices técnicas e de coordinación do resto dos arquivos das Administracións Públicas de Galicia”, subliñou.

En segundo lugar, o titular da Xunta afirmou que a nova lei adecúa á realidade actual esta materia, marcada de forma moi importante polo uso das novas tecnoloxías. Así, esta norma lexisla, por primeira vez, o papel dos arquivos no medio electrónico e aborda o desenvolvemento da dixitalización de documentos.

Así mesmo, o texto marca como obxectivo tamén unha xestión documental eficiente, creándose para iso o Consello de Avaliación Documental de Galicia, que será “o órgano encargado de establecer os criterios sobre os documentos que se deban conservar polo seu valor histórico ou informativo”.

No tocante, en cuarto lugar, ao acceso da cidadanía á documentación, a nova lei establece os principios que deben rexer este dereito no sentido de facilitarlles ás institucións e ás persoas cantos datos necesiten e acceder ao seu soporte documental. Nese sentido, garantiu que o acceso “será totalmente escrupuloso para os documentos que conteñan datos persoais co deber de salvagardar outros dereitos como a seguridade, a saúde, a intimidade ou a imaxe das persoas”.

“En definitiva -resumiu o presidente autonómico-, hoxe aprobamos un texto, o remitimos ao Parlamento, para desenvolver un verdadeiro sistema de arquivos de Galicia, organizado de forma transversal, e cun centro de coordinación deses arquivos que sinalará directrices, que é o Arquivo de Galicia, situado nun dos edificios da Cidade da Cultura”.


Gabinete de Comunicación da Xunta de Galicia