Skip to main content
A | B | C | D | E | F | G | I | L | M | N | O | P | Q | R | S | T | V | X | Z

Toda a costa galega, en alerta vermella por temporal


A Dirección Xeral de Emerxencias e Interior da Vicepresidencia e Consellería de Presidencia informa de que todo o litoral galego permanecerá en alerta vermella por temporal durante a xornada do mércores 5 de xaneiro.

Segundo a Axencia Estatal de Meteoroloxía (AEMET) trátase dun temporal costeiro con ventos de Suroeste que acadarán forza 9 e mar combinada do Noroeste con ondas de máis de nove metros. Segundo as predicións da AEMET, a alerta vermella permanecerá activada ata as 15,00 horas aproximadamente, e xa a partires de aí baixará a nivel laranxa para o resto da xornada.

Por este motivo, e co fin de garantir a seguridade dos bens e as persoas, a Dirección Xeral de Emerxencias e Interior, a través do Centro de Atención ás Emerxencias 112 Galicia, informou da situación aos concellos das tres provincias afectadas; ás Deputacións, servizos provinciais e agrupacións de voluntarios de Protección Civil e aos clubs náuticos, entre outros. Deste xeito, agárdase que se adopten as medidas oportunas para garantir a seguridade dos bens e das persoas.

Tamén recórdaselle á poboación a importancia de seguir as medidas de protección como permanecer alonxado de praias, rompentes, paseos marítimos, espigóns ou todas aquelas zonas susceptibles de seren afectadas por un golpe de mar. E igualmente, revisar os amarres das embarcacións antes da chegada do temporal, evitar realizar prácticas deportivas e náuticas.

Ademais, aconséllase consultar a páxina web do CAE 112 (www.112galicia.org), que conta con información meteorolóxica e con enlaces de interese.
Gabinete de Comunicación da Xunta de Galicia