Skip to main content
A | B | C | D | E | F | G | I | L | M | N | O | P | Q | R | S | T | V | X | Z

Pegadas, de Casilda Alfaro e Teatro de Ningures, no Salón Teatro de Compostela

A Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria programa no Salón Teatro de Santiago dúas funcións do espectáculo ‘Pegadas’, unha proposta moi persoal da actriz Casilda Alfaro para a que conta coa produción de Teatro de Ningures, compañía da que forma parte desde a súa fundación hai máis de 27 anos. O espectáculo represéntase neste espazo compostelán o xoves día 6 e o venres día 7, ás 20.30 horas.

Con dirección de Etelvino Vázquez, a montaxe que Alfaro interpreta en solitario está construída a partir de textos de Suso de Toro, Anxos Sumai, Benito Pérez Galdós, Manuel Pazos, Eurípides e Laila Ripoll. Así, cada “pegada” é o recordo dunha obra, dunha escena ou dun personaxe que lle permiten á actriz volver a ollada cara a atrás para reflexionar e facer balance sobre diferentes vivencias e momentos compartidos, así como sobre o pouso que deixan na memoria colectiva.

Como explica a propia Casilda Alfaro, trátase de personaxes que a acompañaron ao longo da súa ampla traxectoria teatral: “Son mulleres e un home, que viviron momentos perdidos nun tempo, mais que non se foron de todo, quedaron sempre as melodías das súas voces e andan anicadas por algún agocho, e ás veces falan así, por sorpresa, para volver ao seu recuncho de seguido”, continúa.

Ela mesma encárgase da adaptación teatral dos textos desta peza, na que Anxo Graña asina a música orixinal e o deseño de son; Salvador del Río, a iluminación, e Ningures Produción, a escenografía.

Entradas e bono

As entradas para as dúas funcións de ‘Pegadas’ están xa á venda na billeteira do Teatro Principal, aberta ao público de 18.00 a 21.00 horas, mentres que na do propio Salón Teatro poderán mercarse o xoves e o venres desde as 18.30 horas. O seu prezo é de 10 euros, con descontos do 40% para estudantes, xubilados, desempregados, usuarios do carné xoven e determinados colectivos profesionais.

Ademais, esta é unha das propostas da programación inserida no Bono de Teatro Galego e Portugués, promovido conxuntamente pola Axencia Galega das Industrias Culturais (Agadic) e o Concello de Santiago para impulsar a oferta teatral galega de 2014 no Salón Teatro e no Teatro Principal, xunto coas propostas máis alternativas que acollen a Zona C e a Sala Agustín Magán. O prezo deste bono, que pode adquirirse nos devanditos despachos de billetes, é de 35 euros para un total de 5 funcións.

Tamén se inclúe nesta oferta bonificada a estrea do espectáculo ‘Desalmad@s’, que a compañía VerdeVeras escenificará esta fin de semana no Salón Teatro con María Ángeles Iglesias na interpretación. Representarase o sábado día 8 ás 20.30 horas e o domingo día 9ás 18.00 horas.
Gabinete de Comunicación da Xunta de Galicia