Skip to main content
A | B | C | D | E | F | G | I | L | M | N | O | P | Q | R | S | T | V | X | Z

Xantar pecha a súa primeira edición como cita internacional recibindo a 20.000 visitantes

Xantar pecha as portas da súa decimoquinta edición, a primeira como cita internacional, logo de cinco días de intensa actividade durante os que os profesionais do sector e o público xeral volveron mostrar a súa fidelidade con esta cita conseguindo que o salón manteña o seu número de visitantes, sobre 20.000, e a cifra de comidas e ceas ofrecidas polos 18 restaurantes, ó redor das 17.000.

O conselleiro de Educación e Cultura, Jesús Vázquez, presidiu esta mañá a clausura oficial do salón no día adicado aos patrocinadores e colaboradores de Xantar, á cidade de Vila Real (irmanada coa de Ourense) e aos concellos de O Barco de Valdeorras, Sober e Vila de Cruces. Sobre Xantar o conselleiro indicou que “é unha tarxeta de presentación de Galicia cara o mundo, un encontro que destaca pola súa calidade e polas posibilidades que ofrece para abrir novos espazos e mercados internacionais a nosa gastronomía”. Jesús Vázquez estivo acompañado, entre outros, polo embaizador de Cuba en España, Eugenio Martínez, o presidente do comité executivo de Expourense, Celso Barbosa, e polo alcalde de Ourense, Agustín Fernández.

Mención a parte merecen as actividades organizadas para celebrar o Día de Vila Real. Esta cidade, irmandada coa de Ourense dende 1982, presentou no salón as probas de GT que se van celebrar no mes de xuño no seu Circuíto Internacional de Automóbil, o máis antigo de Europa e que contan con que se xa un importante foto de

atracción de turistas. Ademais organizaron una cata de viños desta cámara municipal, “porta de entrada ó Douro, Patrimonio da Humanidade”, tal e como a definiu o seu alcalde Rui Santos. Estas actividades incluiron un obradoiro sobre cociña típica da rexión do Douro na que participaron os chefs Filipe Moreira e Vitor Matos, que conta cunha Estrela Michelín e dous Soles Repsol.

Durante o acto de clausura foron entregados os premios da segunda edición do Concurso Prato Xantar ao que foron presentadas unha vintena receitas e cuxos 8 finalistas elaboraron o seu prato en directo no salón. Na categoría de profesionais o gañador foi Manuel Garea, de Melide, cun prato que denominou “Galicia nun prato, mar e montaña” onde empregou, entre outros produtos con Denominación de Orixe, polbo, grelos, lacón, mexillón e algas. Na categoría de afeccionados os gañadores foron Paula Díaz e Iván Álvarez, de Ourense, coa receita “Suprema de rodaballo, arroz de polbo e mexillóns e o seu crocante”.

O total de 130 actividades do programa, cunha media de dúas por hora de duración do salón, foron seguidas por máis de 6.000 participantes, na meirande parte profesionais do sector. Este programa incluíu exhibicións de cociña en directo, 26 en total, impartidas por prestixiosos cociñeiros galegos, portugueses e de Cuba. Outra das actividades que espertaron o interese dos profesionais foron as máis de 25 catas comentadas de produtos como o viño, o queixo, o mel, a xenebra, o ron ou o aceite. A estas actividades hai que engadir as degustacións ofrecidas polos expositores.
Estas foron as actividades que rexistraron maior participación entre os visitantes de Xantar que, ademais de achegarse ata Expourense a comer ou cear, aproveitaron para probar novos sabores e texturas, para aprender a preparar distintos pratos ou para coñecer novas posibilidades culinarias dos produtos recoñecidos con Denominación de Orixe ou cunha Indicación Xeográfica Protexida e que protagonizaron os obradoiros organizados pola Consellería de Medio Rural e do Mar.

Dentro das actividades celebradas hoxe destacou o curso de corte de xamón de Coren e a cata sobre particulariedades galegas. O broche final e doce das actividades desta edición correu a cargo do obraodiro de repostería recreativa impartido por Lambonarte e sobre repostería para celiacos ofrecido polo cociñeiro Juan Carlos Ulla.

Cooperación transfronteiriza e iberoamericana

Esta edición de Xantar serviu para estreitar aínda máis as relacións co veciño Portugal, grazas á importante presenza tanto de expositores como de visitantes lusos. Todo un exemplo de cooperación transfronteiriza e de fomento do turismo de proximidade coa gastronomía como principal motivación. Pero Xantar 2014 tivo outra gran protagonista, Cuba, que como país convidado establecendo novas redes de cooperación iberoamericana baseadas nas relacións existentes entre o Ministerio de Turismo de Cuba e Expourense coa intermedicación da Secretaría Xeral de Emigración da Xunta de Galicia.

Así remata unha edición que cumpriu cos obxectivos e as expectativas da organización e dos expositores. A vindeira cita de Expourense terá lugar entre o 7 e o 9 de marzo coa celebración da 21ª Mostra da Oportunidade.
Gabinete de Comunicación da Xunta de Galicia