Skip to main content
A | B | C | D | E | F | G | I | L | M | N | O | P | Q | R | S | T | V | X | Z

A Consellería de Medio Ambiente está a cola das administracións autonómicas no esforzo en combater as infraccións ambientais e na aplicación e regulación de normativas ambientais

ADEGA e outras organizacións ecoloxistas presentan ante a Comisión Europea de Medio Ambiente tódolos anos unha importante cantidade de denuncias que son freadas polos servicios xurídicos da Xunta de Galicia ben dotada de recursos nestas cuestións.
Aínda así, acollemos con rotunda sorpresa as supostas declaracións feitas onte polo Comisario Europeo de Medio Ambiente no que citaba que Galicia é a rexión de España con menor número de infraccións ambientais. ADEGA remitiu un escrito ao Comisario solicitándolle unha xuntanza na súa próxima visita a Galicia, coa intención de lle mostrar como se aplican as Directivas ambientais europeas, o número de declaracións ambientais negativas formuladas pola administración galega e a falta de transparencia no uso de fondos europeos en materia de medio ambiente.
Exemplos hainos abondosos, tales coma a situación da Serra do Xistral e a política de enerxías renovables; os índices de contribución ao efecto invernadoiro da Central Térmica das Pontes; o ascensor do Encoro de Frieira; a Fervenza do Xallas ou as Torrentes da Mácara;  a contaminación da ría de Pontevedra ou a de Corcubión; o peche cinexético da LIC de Montederramo; as piscifactorías de Cabo Vilán, Touriñán e Rinlo en Rede Natura; as repoboacións forestais de monocultivos en hábitats prioritarios de conservación;  o plan de recuperación de ríos e do salmón atlántico; os velenos e persecución do lobo; ou coma se están a recuperar os ecosistemas afectados polo Prestige.
Valorando diferentes accións acometidas pola Xunta de Galicia, en materia ambiental Galicia está á cola nos esforzos de conservación e ordenación ambiental dentro do territorio español, en materia de vixilancia e denuncias ambientais, e na aplicación e desenvolvemento de normativas ambientais. Algúns dos indicadores que ADEGA entende que poden servir de referencia son:
- A contribución galega a Rede Natura 2000 no territorio español sitúase no penúltimo lugar, cun 11,72 % fronte ao 22,42 % de media nacional.
- As emisións de gases con efecto invernadoiro e choiva aceda que se producen en Galicia son das máis elevadas do estado español e por riba da media europea.
- Comunidades Autónomas coma Cataluña, Asturias, Andalucía, Madrid, Castela e León, Cantabria, contan cunha gardería ambiental especializada na loita contra delitos ao medio ambiente e recursos naturais, con regulamento incluído. Galicia vai contra corrente e acaba de suprimir o corpo de axentes especializado e capacitado legalmente para denunciar infraccións ambientais, e destinados agora á loita contra os lumes.
- A Consellería de Medio Ambiente non foi capaz de sacar nos prazos establecidos normativa fundamental para a conservación dos recursos naturais máis destacables como o Catálogo de Especies Ameazadas. So está aprobado un Plan Rector de Uso e Xestión dos 6 Parques Naturais acumulando retrasos de ata 12 anos. A maioría das Comunidades Autónomas contan co Catálogo de Especies Ameazadas, e aplican con rigor a Directiva de Hábitats e de Aves nos espacios da Rede Natura 2000 dende as primeiras fases de elaboración.
Adega