Skip to main content
A | B | C | D | E | F | G | I | L | M | N | O | P | Q | R | S | T | V | X | Z

O Concello de Teo participa no programa de divulgación científica TodoCosmos

O Concello de Teo participa no programa TodoCosmos, unha iniciativa de divulgación científica impulsada polo Observatorio Astronómico Ramón María Aller da USC. Con esta iniciativa quérese achegar o mundo da astronomía ao conxunto da sociedade a través de actividades indicadas para todas as idades e colectivos.

En Teo foron os máis pequenos os primeiros en experimentar coas estrelas e planetas. A primeira actividade deste programa no Concello fíxose a semana pasada no CEIP da Ramallosa con alumnado de cuarto, quinto e sexto de primaria, nenos/as de 9 a 11 anos. Os/as afortunados/as puideron asistir a unha clase moi especial. Por suposto de noite para poder ver as estrelas. Persoal do Observatorio Astronómico da USC coordinou a actividade na que primeiro se fixo unha exposición máis teórica para logo poder ver algún dos planetas e mesmo a lúa dende o patio do colexio e grazas a un telescopio. Sen dúbida a mellor maneira de que os pequenos/as reteñan o aprendido e se lle esperte a curiosidade polo mundo da astronomía.

Segundo explica María Álvarez Garea, concelleira de Educación, esta actividade repetirase mañá no CEIP dos Tilos co alumnado da mesma idade e está previsto que se faga tamén en Calo. A participación do Concello de Teo en TodoCosmos coordínase dende a área de Educación.

Pero o traballo de divulgación non remata nas etapas escolares. O programa de actividades en Teo prevé observacións astronómicas dende o alto da Grela, en Lampai e noutras parroquias que aínda están por determinar. O calendario final tamén debe ter en conta a meteoroloxía polo que aínda non están todas as citas pechadas. Estas sesións estarán abertas a todo o público, a calquera persoa interesada en coñecer algo máis sobre a astronomía, e serán gratuítas.

O programa TodoCosmos que pretende achegar a astronomía ao alcance de todos está financiado pola Fundación Española para a Ciencia e a Tecnoloxía (FECYT) e conta coa colaboración de Teo e dos Concellos de Santiago, Ames, Lalín, Rianxo, Ribadeo e Sanxenxo e a empresa Óptica Val.
Gabinete de Comunicación do Concello de Teo