O presidente da Xunta destaca o papel do Comité das Rexións da Unión Europea

Así o sinalou durante a presentación do presidente do Comité das Rexións e da Comunidade Autónoma de Murcia, Ramón Luis Valcárcel, na inauguración da xornada ¿Por que nos importa Europa? O futuro das rexións na Unión Europea. Un acto que Feijóo aproveitou para destacar que a etapa do Comité das Rexións con Valcárcel á fronte, foi “especialmente frutífera” por canto que o Marco financeiro plurianual da Unión Europea se aprobou cun destacado protagonismo do Comité; se subscribiu o acordo entre o Comité das Rexións e o Parlamento Europeo, en xaneiro deste ano; ou se ten impulsado a Carta Europea da Gobernanza Multinivel, que recolle unha maior presenza das rexións.
Na súa intervención, Feijóo incidiu en que o máis grandioso do europeísmo é que non anula as identidades, senón que as agrupa e enriquece. “A identidade dun europeo calquera adquire forma de círculos concéntricos sen que ningún dos seus patriotismos exclúa a outro”, afirmou, lembrando que “se é europeo sendo español, galego e murciano”, porque non é necesario elixir entre unha pertenza ou outra xa que “todas elas se potencian”.
“O anacrónico nos nosos tempos é precisamente ese patriotismo que illa e enemista”, advertiu, lembrando que a moderna idea europea “nace como antídoto dos nacionalismos que precisan buscar inimigos para alimentar a súa retórica”.
“O europeísta abre pontes, tende a man, estreita a colaboración”, afirmou Feijóo incidindo en que se Europa segue a ser atractiva é, fundamentalmente, porque “se ten convertido nun espazo de paz, de convivencia e desenvolvemento sen parangón no mundo”.
Nesta liña, lembrou a contribución do Comité das Rexións a este obxectivo desde que se constituíu como un dos “piares institucionais” da Unión Europea, posto que, aseverou, “representa un recordatorio de onde procede Europa e de onde ten Europa as súas raíces”.
O presidente da Xunta concluíu a súa intervención destacando a experiencia de Ramón Luis Valcárcel; unha experiencia que segundo afirmou lle serviu para saber que o mundo é global e que se unha rexión ten as portas abertas a Europa e ao mundo terá máis oportunidades que se só se mira a si mesma.
Gabinete de Comunicación da Xunta de Galicia