Cultura no Camiño promove 323 actuacións en 81 concellos de Galicia

Xesús Vázquez Abad explicou que “entre os meses de abril e setembro 134 compañías e artistas da nosa terra ofrecerán 74 espectáculos de maxia, 60 actuacións musicais, 29 propostas escénicas de novo circo e 160 representacións teatrais, que conseguirán achegar ao público das distintas vilas e cidades parte do inmenso talento artístico co que conta Galicia”.
Na organización de Cultura no Camiño participan a Xunta, a través de Turismo de Galicia e a Consellería de Cultura e Educación, e tamén os 81 concellos inscritos, que asumen unha parte do caché dos artistas. Neste sentido, o conselleiro declarou que este ciclo é “un exemplo de traballo colectivo, de colaboración institucional para ofrecer a mellor programación posible, involucrando a distintas administracións, rexional e locais, pero tamén a creadores, compañías e programadores, nun circuíto pensado, deseñado e realizado por e para o público”.
Asemade, Vázquez Abad asegurou que a través desta nova edición de ‘Cultura no Camiño’ “tratamos de lle ofrecer ao público unha escolma do mellor das nosas excelentes calidades artísticas, cumprindo ao tempo con dúas das nosas funcións primordiais: a difusión da nosa cultura e o apoio ao sector das artes escénicas”. “Por este motivo, só me queda dicir que confiamos en que moitas persoas asistan e gocen en toda Galicia desta programación plural”, engadiu.
Pola súa banda, a directora de Turismo de Galicia, Nava Castro Domínguez, resaltou que a programación de ‘Cultura no Camiño’ contribuirá á descentralización da oferta cultural de Galicia e a achegar os espectáculos e concertos a miles de espectadores, tanto aos peregrinos como aos habitantes das vilas xacobeas, que son parte fundamental da acollida e da imaxe do noso destino. Segundo resaltou, o Camiño de Santiago continúa a ser un fenómeno plenamente actual e convértese no noso símbolo de identidade, un elemento desestacionalizador e captador de turismo internacional que posiciona a Galicia como marca e como destino diferencial.
“As actuacións para a súa conservación, mantemento e promoción son fundamentais para a súa difusión e para incrementar o valor engadido da experiencia de ser peregrino en Galicia”, explicou. A directora de Turismo engadiu que ‘Cultura no Camiño’ conforma unha acción promocional que incrementa a vertente cultural da experiencia turística e configura unha programación enmarcada no VIII Centenario da Peregrinación de San Francisco de Asís a Santiago. Ao tempo, realizou un repaso polos eventos principais que forman parte da conmemoración.
Ao acto de presentación asistiron tamén o director da Axencia Galega das Industrias Culturais (Agadic), Jacobo Sutil, e un representante de Gadisa, empresa que colabora no ciclo ‘Cultura no Camiño’, no marco da conmemoración do VIII Centenario da Peregrinación de San Francisco de Asís a Santiago de Compostela.
Actuacións nas catro provincias
Esta edición 2014 de ‘Cultura no Camiño’ duplica o número de destinos participantes na anterior cita, celebrada en outubro de 2013, e supón a vertebración dun novo e extenso circuíto de distribución de producións escénicas e musicais galegas a través de concellos radicados nas distintas rutas xacobeas: Camiño de Fisterra-Muxía, Camiño Francés, Camiño Inglés, Camiño Portugués, Camiño de Inverno, Ruta Xacobea do Mar de Arousa-Río Ulla, Camiño Primitivo, Camiño do Norte e Vía da Prata.
A distribución territorial do programa queda da seguinte forma: na provincia da Coruña 31 concellos acollerán 116 representacións; en Lugo, 18 concellos ofrecerán 80 espectáculos; 10 concellos de Ourense porán ao dispor do público 39 funcións; e na provincia de Pontevedra 22 concellos levarán aos escenarios un total de 88 representacións.
As localidades participantes acollerán concertos de diversos estilos, así como funcións de teatro, danza, narración oral, maxia e novo circo nun intenso calendario de actividades coordinado por Cultura e Educación, a través da Agadic, en colaboración con Turismo de Galicia como entidade encargada de organizar e executar a celebración xeral do Ano Franciscano.
Ademais, todos os espectáculos teñen que ser producidos e distribuídos por asociacións culturais, sociedades civís, mercantís ou empresarios individuais con sede na Comunidade autónoma de Galicia.
Gabinete de Comunicación da Xunta de Galicia