Skip to main content
A | B | C | D | E | F | G | I | L | M | N | O | P | Q | R | S | T | V | X | Z

A mostra sobre o escritor Manuel Rodríguez López, no Museo do Pobo Galego

A Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria apoia a posta en valor da figura e da obra do intelectual lucense Manuel Rodríguez López a través da súa colaboración cunha exposición itinerante que afonda na figura e na obra do escritor de Paradela. ‘Manuel Rodríguez López, emigrante galego, poeta obreiro’ é o título deste proxecto expositivo que se pode visitar desde hoxe no Museo do Pobo Galego, en Santiago de Compostela.

O acto de apertura da mostra contou coa participación do secretario xeral de Cultura, Anxo Lorenzo, quen salientou o talento de Manuel Rodríguez ao servizo da difusión da cultura e da identidade galegas. O responsable de Cultura cualificou o proxecto expositivo como “unha merecida homenaxe” ao intelectual lucense e ao seu legado, desde a perspectiva dun escritor que observa, que sente e que expresa o esencial da súa cultura.

No acto de inauguración tamén participaron, entre outros, o presidente da Real Academia Galega, Xesús Alonso Montero; o alcalde de Paradela, José Manuel Mato; a Concelleira de Xuventude e Normalización Lingüística de Santiago de Compostela, Rebeca Domínguez; a viúva do escritor, Irene López; e Antonio Giz, director de GaliciaDigital.

Promovida por GaliciaDigital e a familia do escritor, a exposición conta co apoio da Consellería de Cultura e Educación, do Concello de Paradela, do Concello de Lugo e da Deputación Provincial de Lugo e as Secretarías Xerais de Política Lingüística e Cultura da Xunta de Galicia. Ademais, para a súa exhibición na capital de Galicia, tamén colaboran o Concello de Santiago de Compostela e o Museo do Pobo Galego.

A mostra itinerante, conformada por oito paneis dobres nos que se expoñen de xeito gráfico anacos da vida e obra do escritor de Paradela, chega ao Museo do Pobo Galego despois de poder visitarse en Paradela, Lugo, Begonte, Sarria e Portomarín. A comezos do próximo mes de maio, a exposición viaxará a Cataluña, terra na que Manuel Rodríguez López escribiu a maior parte da súa obra.

A traxectoria do poeta

A vida do intelectual queda reflectida na publicación dun libro sobre a súa traxectoria, en cuxa edición colaborou a Consellería de Cultura e Educación, a través da Secretaría Xeral de Política Lingüística. Un documento que fai un percorrido pola historia deste emigrante que deixou un inmenso legado a través das súas obras poéticas ou en prosa, así como coa súa colaboración en diversos libros.

Rodríguez López sempre mostrou unha gran preocupación pola cultura e por Galicia, e durante a súa etapa vital en Cataluña desenvolveu un importante labor como cronista dos actos desenvolvidos na comunidade relacionados con Galicia.

Cómpre recordar que Manuel Rodríguez López viu recoñecido o seu traballo a través de diferentes e numerosos premios entre os que se atopan o de poesía Meigás e Trasgos de Sarria nos anos 19976 e 1980; o Xosé María Chao Ledo no III certame Literario de Vilalba, en 1977 e o primeiro premio do Certame Literario de Begonte en 1985, entre outros galardóns. Ademais foi nomeado fillo predilecto de Paradela o ano no que faleceu (1990) e Lucense do ano 1989.
Gabinete de Comunicación da Xunta de Galicia