Skip to main content
A | B | C | D | E | F | G | I | L | M | N | O | P | Q | R | S | T | V | X | Z

Integración cultural desde a escea no Salón Teatro con As orações de Mansata

A Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria programa o venres 11 e o sábado día 12 de abril dúas funcións de ‘As Orações de Mansata’, o espectáculo multicultural producido polo colectivo Cena Lusófona no que participan tres compañías lusas e 13 actores e actrices de seis países de lingua oficial portuguesa.

O Centro Dramático Galego (CDG) adheriuse en 2012 a esta iniciativa levada a cabo a través do proxecto europeo P-STAGE (Portuguese-Speaking Theatre Actors Gather Energies), liderado pola Escola da Noite de Coimbra e a Companhia de Teatro de Braga, ademais do Teatro Vila Velha brasileiro; e no que tamén participan Elinga Teatro de Angola, Acçao para o Desenvolvimento de Guinea Bissaue e Centro de Intercambio Teatral de Sao Tomé e Príncipe. O programa, que comezou coa realización de tres obradoiros de interpretación nos países membros, incluía a montaxe dun espectáculo internacional e a súa exhibición e posta en circulación por todos os territorios adheridos.

‘As Orações de Mansata’ é o espectáculo resultado de todo este proceso, que recala os próximos días no Salón Teatro de Santiago despois da súa estrea en outubro do ano pasado en Coimbra e do seu paso por Braga, Évora, Campo Benfeito e Salvador de Baía. Para o próximo mes de maio ten previstas as últimas escenificacións en Luanda e en Guinea Bissau.

Primeiro texto teatral publicado

O texto, baseado na traxedia ‘Macbeth’ de William Shakespeare, xurdiu da proposta lanzada polo director de escena luso Antonio Augusto Barros ao autor guineano Abdulai Sila. A súa publicación en 2007 constituíu a primeira edición dunha peza teatral levada a cabo en Bissau.

O argumento conta a situación que se desenvolve cando oito conselleiros do Xefe Supremo disputan entre eles a mellor forma de derrocar ao líder e ocupar a cadeira da ‘Suprematura’. Para conseguilo, parten en busca das ‘Oraçoes de Mansata’, que supostamente lles facilitaran o dominio sobre o seu pobo, nun proceso no que a traizón, a tortura e o asasinato son reducidas á banalidade.

António Augusto Barros dirixe os 13 intérpretes do espectáculo, seleccionados nos obradoiros realizados dentro do P-STAGE sobre nocións de dramaturxia, dirección, escenografía, iluminación e figurinos. O grupo compón un elenco multicultural e diverso, integrado por tres angolanos, dous guineanos, e dous de Santo Tomé e Principe, tres portugueses un mozambicano e dous brasileiros.

O director e dramaturgo galego Cándido Pazó fora o encargado de impartir un dos obradoiros de interpretación que, baixo o título ‘Da oralidade á teatralidade’ se celebrou en Guinea Bissau en abril de 2013.

Venda de entradas

As entradas para as dúas funcións de ‘As Orações de Mansata’ están xa á venda na billeteira do Teatro Principal de Santiago, aberta ao público de 18.00 a 21.00 horas, mentres que na do propio Salón Teatro poderán mercarse os días do espectáculo desde as 18.30 horas. O seu prezo é de 10 euros, con descontos do 40% para estudantes, xubilados, desempregados, usuarios do carné xoven e determinados colectivos profesionais.

Ademais, esta é unha das propostas da programación inserida no Bono de Teatro Galego e Portugués, promovido conxuntamente pola Axencia Galega das Industrias Culturais (Agadic) e o Concello de Santiago para impulsar a oferta teatral galega de 2014 no Salón Teatro e no Teatro Principal, xunto coas propostas máis alternativas que acollen a Zona C e a Sala Agustín Magán. O prezo deste bono, que pode adquirirse nos devanditos despachos de billetes, é de 35 euros para un total de 5 funcións.
Gabinete de Comunicación da Xunta de Galicia