Longa viaxe cara a noite, última produción do CDG, de xira por Galicia chega a Narón
A Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria leva o sábado 26 de abril o espectáculo do Centro Dramático Galego (CDG) ‘Longa viaxe cara á noite’ a Narón, onde a montaxe dirixida por Manuel Guede Oliva a partir da obra orixinal de Eugene O´Neill ofrecerá unha representación ás 20.00 horas no escenario do Pazo da Cultura.O célebre drama autobiográfico do Premio Nobel de Literatura norteamericano preséntase co elenco que integran Gonzalo Uriarte, Luisa Merelas, Marcos Viéitez e Alberto Rolán. Os catro intérpretes dan vida aos Tyrone, unha familia quebrada polas frustracións persoais e os vicios, na que se atopan moitos trazos autobiográficos dos O’Neill.
Con esta proposta, estreada no Salón Teatro de Santiago o pasado 22 de marzo, o Centro Dramático Galego celebra o seu trixésimo aniversario e incorpora a literatura dramática estadounidense ao seu variado e extenso repertorio das máis de 75 producións que leva realizadas desde a súa fundación en 1984.
Ampla xira
Ademais, Consellería de Cultura e Educación está a desenvolver con ‘Longa viaxe cara a noite’ unha ampla xira en Galicia e en Portugal na que se combinan funcións para público xeral e pases específicos matinais dirixidos a alumnos de bacharelato.
Así, despois do seu paso por Compostela, Braga, Pontevedra, Barcelos e Narón, o espectáculo visitará A Estrada (Teatro Principal, 30 de abril ás 21.00h), A Coruña (Teatro Rosalía Castro, 3 de maio ás 20:30h), Rianxo (Auditorio Municipal, 10 de maio ás 20:30h), Ourense (Teatro Principal, 17 de maio ás 20:30h, día 18 ás 19.00h e luns 19 ás 11:00 en función escolar), Vigo (Centro Cultural Fundación Novacaixagalicia, 22 e 23 de maio ás 20:30h), Tui (Teatro Municipal, 27 de maio ás 11:00h). A distribición rematará no Teatro Municipal Lauro Olmo do Barco de Valdeorras o 30 de maio.
As entradas para a función de Narón están á venda no despacho e billetes do auditorio do Pazo da Cultura ao prezo de 9,50 euros para público xeral e 6,65 euros para abonados, titulares de carné xove e titulares de carné de estudante.
Un día cos Tyrone
‘Longa viaxe cara á noite’ é a crónica dun día na vida dos Tyrone, transposición dramática dos propios O’Neill a través da que o autor volve a vista cara á súa intensa e dolorosa xuventude, espertando os monstros que o atormentan. Cun pasado abafante, un presente en destrución e un futuro imposible, os catro membros da familia protagonista deixan caer as máscaras –tras as que se ocultan verdades e se conteñen sentimentos– para deixarnos entrever as frustracións, as adiccións e o desarraigo que determinan o seu destino: James, un actor de éxito que pasou a súa vida de escenario en escenario sen poder formar un verdadeiro fogar; Mary, a súa muller, presa dunha adicción que non é quen de deixar atrás; Jamie, o fillo maior, alcohólico, cínico e descrido; e Edmund, o alter ego do escritor, un mozo soñador e romántico, pero enfermo de tuberculose.
Aclamada pola crítica e considerada a obra máis completa, ‘Long Day's Journey into Night’ foi recoñecida co Premio Pulitzer a título póstumo ¬–o cuarto concedido a unha das súas obras¬– tras ser publicada poucos anos despois da morte de O'Neill, a pesar de que este deixara instrucións de que as súas pezas inéditas non deberían ver a luz ata 25 anos despois do seu pasamento.
Máis información en: www.longaviaxecaraanoite.wordpress.com
Gabinete de Comunicación da Xunta de Galicia
