Skip to main content
A | B | C | D | E | F | G | I | L | M | N | O | P | Q | R | S | T | V | X | Z

O programa Ourense, a provincia termal oferta 1.500 prazas para estancias en balnearios da provincia

A Deputación de Ourense xunto cos balnearios da provincia e os concellos con infraestruturas balnearias presentaron no Pazo Provincial o Programa de termalismo social “Ourense, a provincia termal”. O acto formalizado na sinatura dun convenio de colaboración entre a Deputación de Ourense e os balnearios da provincia contou coa presenza do presidente da Deputación de Ourense, Manuel Baltar, o os representantes dos balnearios: Eduardo Laherran de la Sota, en representación do Balneario de Molgas, S.L; José María de la Figuera Vargas, en representación de COVAQUI, S.L, e Rafael Luaña de la Viña, en representación de Caldaria Termal, acompañados polos alcaldes de Lobios, Arnoia, O Carballiño, Cenlle e Baños de Molgas.

Segundo destacou Manuel Baltar este convenio “reforza a aposta do goberno provincial polo termalismo, un dos eixos estratéxicos para o desenvolvemento da nosa provincia, destinándose para esta actuación un total de 70.000 euros”. Baltar subliñou que este convenio “é unha boa mostra da cooperación entre a administración pública e o sector privado, para un sector como o termalismo que ten que ser un pulo para o desenvolvemento social, económico e cultural da nosa provincia”.

Esta actuación enmárcase dentro do Plan Provincial Termal que pon en marcha a Deputación de Ourense xunto coa Xunta de Galicia co obxectivo de atraer turismo e competitividade económica á provincia de Ourense, a provincia termal por excelencia.

Ao programa de estancias e tratamentos termais para maiores de 50 anos de 6 días/5 noites iniciado no 2013 sumarase este ano un novo programa “Cultura Termal” baseado en estancias de fin de semana para todas as idades. Ademais este ano abrirase o programa a persoas non residentes en concellos da provincia de Ourense.

Neste programa, que este ano establece un total de 1.500 prazas, a Deputación de Ourense implementa por primeira vez unha nova estratexia de administración electrónica que aportará máis facilidades aos cidadáns así como máis eficacia e eficiencia no procedemento administrativo da xestión das solicitudes.

O novo programa publicarase no BOP mañá xoves e poderanse presentar solicitudes a partir das 00:00 do venres 25 de abril.

A Deputación de Ourense, a través da súa Área de Benestar, abre desta maneira a convocatoria "Ourense, a provincia termal", unha actuación enmarcada nas políticas sociais da institución provincial que ofertará diferentes programas de benestar e promoción da saúde e o ocio a través do termalismo.

Este ano, a maiores do Programa de estancias de 6 días/5 noites para maiores de 50 anos, engádese o Programa de fins de semana en balnearios para todas as idades, cuxo obxectivo é o de contribuír ó desenvolvemento da cultura termal a través do coñecemento dos balnearios da provincia. En todos os programas poderán participar cidadáns de toda Galicia con independencia do concello no que residan.

Solicitudes

O procedemento administrativo para a presentación da solicitude e a concesión do programa poderá realizarse on-line, estando a administración provincial a disposición do cidadán as 24 horas do día, os 7 días da semana. A concesión do Programa, incluíndo o balneario solicitado e as datas de desfrute resolveranse no mesmo proceso e no mesmo momento da presentación da solicitude.

A solicitude poderaa presentar por internet o propio interesado ou de forma presencial a través de diferentes organismos públicos ou balnearios. No caso de que o cidadán opte por realizala dende un organismo poderá xestionala a través dos servizos sociais comunitarios dos concellos de toda Galicia que así o consideren.
Gabinete de Comunicación da Deputación Provincial de Ourense