A LOMCE, a debate nunhas xornadas organizadas polo sindicato ANPE

O titular da Consellería fixo fincapé en que a “nova lexislación aposta por un sistema educativo flexible, público e de calidade; reforza a coordinación entre Estado, Comunidade Autónoma e centros; e pon en valor a cultura do esforzo”. Vázquez Abad engadiu que a LOMCE “promove e fortalece a autoridade do profesor, así como a profesionalización da dirección dos centros; anticipa a elección de itinerarios formativos; establece programas de melloras, e reforza a FP”. En canto aos contidos destacou que o aspecto xeral xa non é a acumulación de coñecementos, senón o desenvolvemento das capacidades individuais, de xeito que o novo decreto de Educación Primaria aposta pola aprendizaxe competencial, profundizando na comunicación lingüística, matemáticas, ciencias e tecnoloxía, ao tempo que mantén o equilibrio entre as linguas cooficiais e a consolidación da aprendizaxe das estranxeiras.
Vázquez Abad explicou ademais a implantación do sistema en Galicia que, no vindeiro curso 2014/2015, comezará a aplicarse en 1º,3º e 5º de Educación Primaria, coa previsión dunha avaliación en 3º; do mesmo xeito que comezará a desenvolverse no 1º curso da FP Básica.
Nas previsións para o 2015/2016, a posta en marcha da nova lei afectará a 2º,4º e 6º de Primaria, cunha avaliación final no último curso desta etapa educativa; ao igual que a 1º e 3º de ESO e 1º de Bacharelato. Finalmente, na FP Básica implementarase no 2º curso, ademais de introducirse melloras en 1º e 2º do Grado Medio de FP.
A adaptación rematará no 2016/2017, establecéndose no 2º e 4º da ESO, neste último cunha avaliación final; e tamén no 2º curso de Bacharelato, con avaliación final.
Programa e sesións
As Xornadas Profesionais sobre a realidade educativa actual e as súas perspectivas ante os cambios na lexislación centran a temática no alcance da Lei Orgánica para a Mellora da Calidade Educativa. No día de hoxe ofrécense dúas conferencias sobre a LOMCE: “Misión, Visión e Valores” e “Xestación, debate e alcance na práctica educativa”, a cargo do director xeral de Avaliación e C. Territorial do Ministerio de Educación, José Ignacio Sánchez Pérez; e do membro da Permanente do Consello Escolar do Estado, José Francisco Venzalá González. Para finalizar, unha mesa redonda aberta ao público que coordina o inspector técnico de educación, Enrique Álvarez Roales.
A xornada de mañá comezará co relatorio do subdirector xeral de Recursos Humanos da Consellería de Cultura e Educación, José Luís Canosa Baldomir, titulado “Desenvolvemento e xestión da LOMCE nos centros educativos galegos”, tras o que se levará a cabo unha mesa redonda na que intervirán o inspector xefe territorial da Xunta en Ourense, José Fisteos Suengas; o director do centro de Formación e Recursos de Ourense, José Domínguez Alonso; o director do CIFP A Farixa de Ourense, José Miguel Reza Pérez e o director do CEIP Vicente Risco, Roberto Lloves González. O programa rematará coa clausura das xornadas.
Gabinete de Comunicación da Xunta de Galicia