Un coro de 400 voces infantís canta os versos do poeta de Celanova Curros Enríquez

Alumnado procedente dos conservatorios profesionais da Coruña, Ferrol, Lugo, Ourense, Pontevedra, Santiago de Compostela e Vigo, así como do coro CPI Tomás de Lemos, os Nenos Cantores da Capela Madrigalista e o Orfeón Unión Ourensana participará nesta homenaxe musical ao bardo de Celanova, que terá lugar na terra natal do poeta o venres 6 de xuño, ás 17:30 horas, no claustro barroco do mosteiro de San Salvador, e que estará presentado pola escritora María Canosa.
Programa musical
Dirixidos pola batuta de Maximino Zumalave e acompañados polo quinteto Hércules Brass –formado por Alejandro Vázquez (trompeta), Víctor Manuel Vilariño (trompeta), Javier González (trompa), Esteban Méndez (trombón) e Rodrigo Rodríguez (tuba), e acompañados nesta ocasión por Jordi Ortega (trompa convidado)–, os nenos e nenas cantarán os poemas “A Rosalía”, “Cántiga”, “Melodía gallega” e “Nouturnio”. Todos eles viron a luz no poemario ‘Aires da miña terra’, publicado por primeira vez en Ourense en 1880, agás o titulado “A Rosalía”, escrito logo da morte da poeta padronesa en 1885.
Estre absoluta de “Nouturnio”
Os poemas foron musicados e adaptados por Xosé Baldomir, Xoán Montes, Xosé Castro ‘Chané’ e Xabier Comesanha. Este último creou por encargo a composición “Nouturnio”, que se estreará no concerto, mentres que Juan Durán realizou os arranxos musicais para coro de nenos e sexteto de metais de todas elas.
Ademais do escenario da actuación, o mosteiro de San Salvador será durante a mañá o lugar no que os rapaces realizarán os ensaios conxuntos do programa musical. Ao longo da xornada, os alumnos e alumnas tamén terán ocasión de visitar Vilanova dos Infantes e de asistir ao espectáculo Peter Punk, no que o clown Isaac Rodríguez fará gozar os rapaces cunha proposta multidisciplinar e dinámica que ten no humor o seu fío condutor.
Achegamento á música clásica en diálogo coa poesía galega
A Consellería de Cultura e Educación e o Consello da Cultura Galega botaron a andar a iniciativa ‘No bico un cantar’ en 2013 para lles achegar aos escolares de toda Galicia a música clásica en diálogo coa poesía galega. Fixérono cun programa dedicado á poeta Rosalía de Castro no marco da conmemoración dos 150 anos da publicación da súa obra ‘Cantares gallegos’ e que tivo como escenario a compostelá igrexa de San Domingos de Bonaval.
Gabinete de Comunicación da Xunta de Galicia